A Mesa preséntalle a Guía para o uso do galego na Administración local ao presidente da FEGAMP

Alfredo García -presidente da FEGAMP-, adquiriu o compromiso de “facerlle chegar a guía a cada un dos representantes dos concellos galegos que participarán na vindeira asemblea

A Guía propón orientacións útiles para cada concelleira ou concelleiro, nas tarefas de goberno ou oposición para colocar a lingua en toda a súa acción.

 

13 de novembro do 2019. – A Mesa pola Normalización Lingüística reuniuse esta mañá con Alfredo García, actual presidente da FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) coa finalidade de presentarlle a súa Guía para o uso do galego na Administración local (2019-2023) nun intento de que os concellos asuman o compromiso de impulsar políticas activas en favor do galego e doten con recursos a planificación lingüística do concello, con actuacións transversais en todas as áreas municipais procurando o incremento do uso e prestixio da lingua propia de Galiza.

 

Así llo trasladaron Marcos Maceira -presidente da Mesa- e Celia Armas -responsable de Abertos ao galego-  a Alfredo García -presidente da FEGAMP-, quen adquiriu o compromiso de “facerlle chegar a guía a cada un dos representantes dos concellos galegos que participarán na asemblea de la Federación Galega de Municipios e Provincias o próximo 29 de novembro”.

 

Na xuntanza, os representantes da Mesa tamén quixeron lembrar que os concellos galegos teñen o dereito e o deber de impulsar o proceso de normalización da lingua galega como lembra o artigo 5 do Estatuto de autonomía. Segundo sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “as corporacións deben garantir a presenza da lingua galega na actividade municipal de xeito transversal, implicando todas as áreas e todas as funcións, e non reducindo a normalización lingüística a unha soa área”.

 

As medidas propostas na Guía de uso da Mesa parten dos acordos asumidos unanimemente por todas as organizacións políticas de Galiza. Concretamente, da Carta europea das linguas rexionais e minoritarias ratificada polo Estado español en 2001 e da Declaración universal de dereitos lingüísticos de 1996 asumida polo Congreso dos Deputados e polo Parlamento galego nese mesmo ano. Esta declaración está desenvolvida e concretada no Protocolo de Donostia para a garantía dos dereitos lingüísticos promovido por Kontseilua e impulsado por máis dun cento de entidades sociais de toda Europa, incluída a Mesa pola Normalización Lingüística e que conta co respaldo de institucións da relevancia da UNESCO, OSCE, UNPO, ELEN… A respecto das accións en cada área, a Guía parte doutro dos grandes acordos unánimes do Parlamento galego en relación á nosa lingua: o Plano xeral de normalización da lingua galega de 2004.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra