Paulo Filgueiras , secretario de Relacións Internacionais da entidade, intervirá no intergrupo de linguas minorizadas esta quinta feira (xoves, día 15) ás 10h.
Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2018.- A Mesa pola Normalización Lingüística presentará o seu relatorio sobre o cumprimento da Carta Europea das linguas rexionais e minorizadas esta quinta feira (mañá, xoves, 15 de novembro) ás 10h, no Parlamento Europeo. A intervención terá lugar no intergrupo de linguas minorizadas onde participan representantes de todos os grupos parlamentares europeos, por convite da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, e correrá a cargo do secretario de Relacións Internacionais da Mesa pola Nornalización Lingüística, Paulo Filgueiras.
Pregunta no Congreso
O alto nivel de incumprimento da Carta en relación ao galego, documentada pola Mesa pola Nornalización no seu relatorio, motivou xa unha pregunta parlamentar por escrito ao Goberno Español por parte do deputado no Congreso Miguel Anxo Fernán Vello, do grupo de En Marea. Na pregunta, incídese na manipulación dos datos que se reflicten no informe do Estado ao Consello de Europa denunciada pola Mesa no informe.
A Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa para garantir a normalidade das linguas minorizadas que o Estado español ratificou en 2001 no seu grao máximo. Segundo a Carta, o Estado ten que garantir o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo Estatuto en ámbitos como educación, xustiza, administración, relación sociais e económicas, cultura ou relacións transfronteirizas.
Ligazóns de interese: Informe | Fotografías Nas da entrega do informe aparecen Elsa Quintas (avogada, vicepresidenta da Mesa e directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos), Sixto Molina (xefe do Secretariado da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias) e Marcos Maceira (presidente da Mesa pola Normalización Lingüística)