A Asociación en defensa da lingua faille a proposta ao conxunto da sociedade galega e solicitou reunirse co Presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixó.
Marcos Maceira: “propomos medidas urxentes, rápidas e eficaces para comezar a reverter o proceso de substitución lingüística. O Presidente da Xunta como máximo representante institucional débese comprometer”.
Santiago de Compostela 5 de febreiro de 2015-. O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, compareceu hoxe perante os medios de comunicación para anunciar unha batería de seis propostas que a maior asociación cultural de Galiza propón ao conxunto da sociedade galega, como protagonista que ten que ser so proceso de recuperación do galego, e nomeadamente ás organizacións sociais, sindicais e políticas para “que por fin se actúe para reverter o proceso de substitución lingüística que padece o noso idioma”.
Non é máis que unha batería de propostas aparentemente asumidas por todas as forzas políticas e sociais, moitas xa recollidas en acordos nacionais como o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou en tratados internacionais como a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas.
“Temos como punto de partida a Carta Europea e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade, cuxa elaboración contou coa participación de case 1000 persoas representativas de todos os sectores sociais, de todas as ideoloxías e tendencias, con 445 medidas concretas, das cais, consideramos que 6 se poden comezar a aplicar de xeito inmediato, e máis cando todos os estudos demostran que é urxente facelo”. Onde está o problema para non cumprir co acordado? A nosa man está tendida para facelo”, afirmou Maceira, que lembrou que ningún organismo público fixo, dez anos despois da aprobación do PXNLG ningunha avaliación sobre el, e que a Mesa, que si fixo avaliación, demostrou nun informe presentado en setembro, que está absolutamente incumprido.
Estas medidas reclaman, a recuperación do papel normalizador da CRTVG, un plan de choque para recuperar o galego no ensino, accións claras e concretas no ámbito das administracións públicas incluíndo xustiza e saúde, os transportes públicos, acordos para a recepción mutua do sinal da Radio Televisión Portuguesa e a TVG, e o condicionamento das axudas públicas á utilización da lingua galega.
“Son medidas sinxelas, con apenas custe, que se poden iniciar mañá mesmo, e que só poden ter un efecto positivo sobre o conxunto do pobo galego, que precisa de coñecemento, información e valorización do propio, a comezar pola súa lingua como principal elemento de cohesión e identificación colectiva”, sinalou, e engadíu que “non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega pode pór en funcionamento con máis urxencia”.
Solicitude de reunión co Presidente
Para Maceira, “a multitudinaria manifestación que tivo lugar o día 8 de febreiro, precisa dunha resposta, e obriga á Mesa a facer propostas para actuar no inmediato e á Xunta a aplicalas sen máis dilacións”. “Ficaron demostradas as ansias da sociedade por actuar como protagonista para mudar por fin a situación da lingua galega, mais tamén hai unha exixencia clara a todas as entidades sociais, organización políticas e sindicais, e claramente á Xunta, de que é hora de actuar”.
“A Xunta, co seu Presidente á cabeza debe iniciar as accións políticas para repor e normalizar o uso do galego”. “A sociedade non pode continuar a actuar en solitario a favor da lingua de Galiza, sen ningún respaldo dos poderes públicos”, por iso A Mesa solicitou unha reunión urxente co Presidente Feixó coa fin de exporlle a situación e presentarlle estas medidas para comezar a solucionala. Desde A Mesa non dubidan que se Feixó está disposto a asumir a responsabilidade que lle corresponde como Presidente de Galiza, aceptará a solicitude de reunión e activará as propostas da Mesa.
PROPOSTA DE MEDIDAS URXENTES PARA A NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA.
Tras a exitosa manifestación do 8 de febreiro de 2015, que congregou miles de persoas de toda Galiza reclamando a posta en marcha de medidas urxentes para recuperarmos a nosa lingua e reverter o proceso que exclúe a nosa lingua e que provoca a redución de utentes de galego, a Mesa pola Normalización Lingüística fai un chamado ao conxunto da sociedade galega e a todas as organizacións sociais, sindicais e políticas para que impulsen a posta en marcha con urxencia e carácter inmediato destas 6 medidas que necesariamente se han de complementar con outras contempladas na Carta Europea das Linguas, ratificada en 2001 polo Estado Español, ou no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado en 2004 coa unanimidade do Parlamento Galego, e que debe ser reactivado como punto de partida para a recuperación e reposición efectiva da nosa lingua a todos os niveis.
Non son todas as medidas que o noso idioma precisa, mais si, de entre elas, as que a administración galega debe pór en funcionamento con máis urxencia. Son só 6 medidas que só precisan convecemento e vontade de aplicación por parte do goberno galego, que levándoas a termo comezaría, despois de décadas de inacción, a viraxe que a lingua galega precisa para chegar con saúde ao século XXII.
1- Impulso ao papel normalizador da CRTVG
– Mellorar e ampliar a oferta de lecer infantil e xuvenil en galego na TVG e na RG.
– Debates políticos plurais sobre temas de interese xeral de temática galega.Intervención de persoas expertas que utilicen a lingua galega nos noticieiros e programas.
– Programación ampla e específica sobre historia de Galiza. patrimonio galego, música en galego, literatura galega…
– Acordos con outras canles, distribuidoras, produtoras para a dobraxe e lexendado de filmes e series en galego.
2- Ensino en galego
– Plan de choque para a introdución e o emprego do galego na Educación Infantil
a) Emprego do galego na Educación Infantil: inmersión lingüística
b) Oferta de materiais didácticos en galego
– Impulso ao galego na Educación Primaria e Secundaria e eliminación de todos os limites impostos á lingua propia no decreto 79/2010
– Oferta de galego en xoguetes e lecer infantil e xuvenil.
3- Administración en galego.
– Oferta positiva na atención ao público en toda a administración galega, municipal e estatal e en todas as concesións publicas, así como galeguización de toda a sinalización, formularios e documentación interna e externa.
– Oferta de galego en todos os servizos de administración electrónica
– Impulso da galeguización da xustiza e do programa Minerva.
– Oferta positiva de galego no Servizo Galego de Saúde e galeguización de todos os programas e aplicacións informáticas, nomeadamente Ianus.
4- Transportes públicos
– Sinalizacións e información en galego nas estacións de autobuses e tren.
– Utilización exclusiva da toponimia galega como única forma legal.
5- Convenio coa RTP
– Recepción en todo o territorio galego, cando menos, do sinal da Radio Televisión Portuguesa e emisión da CRTVG para Portugal.
6- Axudas e subvencións.
– Condicionar todas as axudas e subvencións da Xunta de Galiza á utilización efectiva da lingua galega, nomeadamente as concedidas á Igrexa Católica e aos medios de comunicación.