Activistas da Mesa pola Normalización Lingüística concentráronse esta mañá no Ikea de Marineda, na Coruña, onde despregaron unha faixa na que se podía ler Ikea faise o sueco co galego – Vi vill ha galiciska på Ikea (Queremos galego en Ikea). Tamén repartiron folletos animando a clientela a buscar os catálogos impresos en galego dentro da tenda, un obxectivo tan complexo que é preciso empregar un plano, que a entidade de defensa da lingua decidiu repartir para que as persoas interesadas puideran conseguilo.
Ante a escasa tiraxe de exemplares do catálogo en galego da multinacional sueca e máis a dificuldade para os atopar, o folleto da Mesa anima a clientela a pasarllo a outra persoas, “para que o use e continúe a distribuír a versión en galego”. E, finalmente, A Mesa recorda que aínda que o catálogo web de ikea está dispoñíbel en galego, a páxina web só dispón versión en castelán, inglés e catalán. “Ikea esqueceu o galego e non resposta os correos que enviamos para llo lembrar!”, denuncia a entidade, que anima a enviar un correo electrónico a so.arcolopd.es@ikea.com reclamando a web en galego ou a presentar unha queixa en atención ao cliente e enviar copia desta a linhadogalego@amesa.gal, para poder facer seguimento das queixas presentadas e aumentar a presión.
A Mesa pola Normalización Lingüística é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Calquera persoa sensíbel coa causa do idioma galego pode facer parte da Mesa, que coas súas 4000 socias e socios é a maior asociación cultural de Galiza. Todas aquelas persoas que coñezan ou sofran casos de discriminación polo uso do galego poden tramitar a súa denuncia a través da Liña do galego.