A Mesa publica a conferencia sobre os problemas xerais da nosa lingua que ofreceu Carvalho Calero no encontro fundacional da organización

A Mesa pola Normalización Lingüística publica a conferencia Situaçom presente e orientaçom futura dos problemas gerais da nossa língua que Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado no Día das Letras do 2020, ofreceu no encontro Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística, que en 1986 frutificou na creación da entidade de defensa dos dereitos lingüísticos. As persoas interesades poderán mercar o volume, que ten un prezo de 3 euros e que tamén inclúe as resolucións finais do encontro onde se acorda crear a Mesa, nas librarías e o xoves 25, Día da Patria, no Festigal. A partir do mes de setembro estará dispoñíbel, tamén, na web da Mesa.

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Compostela, 1990) foi autor de poesía, narrativa, teatro e ensaio. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos e foi, ademais, o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela e da historia de Galiza. En 1963 publicou a Historia da literatura galega contemporánea 1808-1936 e no 1966, a Gramática elemental del gallego común, obras canónicas imprescindíbeis para a textualización da nosa cultura. Desde mediados da década dos 70, defendeu publicamente unha aproximación á lingua portuguesa na liña de Murguía, fundador e primeiro presidente da RAG, e doutros moitos intelectuais. O 20 de abril de 1986 pechou o Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística que frutificou na creación da Mesa pola Normalización Lingüistica, coa conferencia titulada Situaçom presente e orientaçom futura dos problemas gerais da nossa língua. Destaca tamén a súa participación en entidades como a Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)

Afastado e marxinado polo poder, recibiu continuas homenaxes das amizades, do alumnado e de admiradores. Cabe destacar os actos na sua honra organizados pola Sociedade Cultural Medulio na súa terra, así como da Agrupaçom Cultural O Facho, da Asociación Alexandre Bóveda, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o nomeamento como fillo predilecto de Ferrol. Tras o seu pasamento, o Parlamento galego declarouno por unanimidade fillo ilustre de Galiza.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra