O volume, ilustrado por Miguel Robledo, forma parte do proxecto didáctico para educación infantil iniciado por O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña
Compostela, 16 de novembro de 2018.- A Mesa pola Normalización da Lingua publica O tempo meteorolóxico, un fermoso libro de pequeno formato ilustrado por Miguel Robledo para que a cativada identifique os fenómenos meteorolóxicos e o seu nome en galego. Este título forma parte xunto con O abecedario, As aves e Os peixes e outra fauna mariña do proxecto didáctico que A Mesa adica á educación infantil, proporcionando materiais en galego para nenas e nenos de 0 a 6 anos co obxectivo de potenciar o uso de vocabulario na nosa lingua nesta etapa. O libro está xa nas librarías do país e pódese mercar, tamén, na web da Mesa por 7,20 € para persoas socias e 8’55 € para público xeral. Hai un anaco dispoñíbel para consulta aquí.
O ilustrador do volume é Miguel Robledo (Ourense, 1970), que como autor de cómic colaborou con La Voz de Galicia, Factoría K e El Jueves e como ilustrador editorial ten obras publicadas por Edicións Xerais, Mcgraw Hill USA, Santillana DuendeBux e Eurisaces Editora. Na actualidade é director creativo de Punto e Coma. Tamén traballou no proxecto de serie de televisión 3D O labirinto dos soños, realizou tanto a arte conceptual e do storyboard de Holy Night e o concepto de animación e a preprodución de Objetos perdidos. Como docente, ofreceu cursos e obradoiros para a Universidade de Vigo, Espacio Creativo The Room e foi titor en formación en centros de traballo para a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.
A Mesa quere contribuír con esta liña de publicacións a suplir a escaseza de materiais didácticos en galego para a etapa de 3 a 6 anos, fronte á grande cantidade de recursos existentes en castelán e en inglés, sobre a que alertou no Estudo sobre a educación infantil de Galiza de 3 a 6 anos. Curso 16/17, que se pode descargar no portal web da Mesa (ligazón). Os poucos materiais didácticos que existen para esta etapa débense ao compromiso das e dos educadores e mais á iniciativa social ou privada e dalgúns concellos, sen que haxa respaldo e promoción por parte da Xunta, que se desentende de poñelos a disposición das escolas. Isto supón un agravio comparativo, posto que o profesorado que queira traballar na nosa lingua coa cativada ten que elaborar os seus propios materiais.