Estes materiais para o uso escolar e familiar e o catálogo dispoñíbel na súa web completan a oferta de recursos para que a cativada galega poida gozar o Nadal na súa lingua
Segundo os datos do Informe da lingua dos xogos e xoguetes elaborado por Sonia Calo o ano pasado e dispoñíbel na web da Mesa, a situación da lingua galega nestes produtos, dun ámbito tan prioritario como é o da infancia, é tan precaria que unicamente o 0,6% dos xoguetes teñen opción de galego, porcentaxe que cae até o 0,38% cando só están en galego. Para a Mesa, “cómpre un goberno comprometido coa lingua que apoie os fabricantes que apostan por facer xogos e xoguetes en galego, mais mentres isto non ocorre é a sociedade a que debe impulsar os avances” e, neste sentido, enmárcanse as súas propostas para o Nadal.
A Mesa pola Normalización Lingüística é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Está composta por 4.000 socias e socios, que a converten na maior asociación cultural de Galiza.
Tedes dispoñíbeis para descarga a carta e as actividades co Apalpador.