A Mesa reclama máis prazas de portugués no ensino

A Mesa pola Normalización Lingüística,  ante a publicación do 14 de xaneiro na mesa sectorial de ensino das prazas por especialidade da convocatoria de oposicións de 2022, súmase ás reclamacións que fai a Associação de professores de Língua Portuguesa na Galiza para aumentar as prazas de portugués dispoñíbeis no ensino. Con 1171 prazas anunciadas, a publicación previa do Goberno inclúe só catro prazas de lingua portuguesa.

Consideramos que o número é pouco ambicioso e non atende ás expectativas creadas. Xa en decembro deste ano a associação DPG indicara nun recente parecer que é preciso maior vontade política por parte do Goberno para o portugués avanzar no ensino. Diferentes colectivos asinamos agora un mesmo parecer relacionado co avance decidido dos compromisos políticos que a Lei Paz Andrade indica a respecto do ensino da lingua de Camões.

Actualmente, tan só hai 12 docentes que foron contratados inicialmente en setembro para a educación secundaria a través da especialidade 590015:português para os máis de 75 centros de secundario onde xa se dá esta materia.

O ensino de portugués na educación continúa sen a expansión nin a consolidación que correspondería aos esforzos realizados por docentes e centros de ensino e ao asentamento dos niveis, creación e manutención de departamentos a través da voluntariedade. Urxe o Goberno apostar polas condicións laborais adecuadas para a implementación da materia a través do aumento de funcionariado contratados a través da especialidade propia e tamén ofrecer de maneira firme e decidida a materia en todos os centros de ensino.

Como a propia Consellería aínda non fechou a posibilidade dalgunhas das 1.171 prazas convocadas habendo a posibilidade de mudar e o número total aumentar incluíndo máis prazas que non teñan aparecido nesta previsión inicial de xaneiro, requirimos da Consellería de Educación que considere a viabilidade de aumentar de maneira decidida as prazas da especialidade. Solicitamos conxuntamente:

  • Que antes da publicación definitiva no DOG reconsidere a convocatoria de Oferta de Emprego Público de 2022 incluíndo un número de prazas (24) que multiplique por seis as actuais prazas de portugués convocadas.
  • Que estude ofrecer no próximo ano escolar 2022-23 en pre-matrícula a materia en todos os centros recollendo dados reais de procura para planificar unha adecuada incorporación da materia no conxunto do ensino secundario.

 

 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra