“Se hai xente nesas institucións máis interesada en facerlle a pelota a Núñez Feijóo que en defender o galego, o que deberían facer é dimitir canto antes.”
Xosé Luís Axeitos, en entrevista publicada hoxe en La Voz de Galicia, afirma que o Instituto da Lingua Galega (ILG, pertencente á Universidade de Santiago de Compostela) e o Consello da Cultura Galega tentaron evitar que a Real Academia Galega presentase un recurso contra “o decretazo contra o galego”.
Como é sabido, a Real Academia Galega foi unha das entidades que si presentaron recurso contra unha norma decreta a prohibición do galego nas materias científico-técnicas e dá cobertura legal á desaparición do galego na educación infantil das cidades (de feito, no actual curso escolar, máis do 95% das escolas infantís urbanas declaran non impartiren nada en galego).
A Mesa pola Normalización Lingüística considera que ambas as institucións deben dar “explicacións urxentes” sobre as palabras deste membro da executiva da Real Academia Galega. A maior asociación cultural de Galiza, que foi a primeira en presentar o recurso contra o “decretazo” e a primeira en gañar a sentenza perante o TSXG, considera que “se hai xente nesas institucións máis interesada en facerlle a pelota a Núñez Feijóo que en defender o galego, o que deberían facer é dimitir canto antes, porque están a prexudicar tanto a esas institucións como ao conxunto da cultura galega. A corrupción ética tamén é reprobábel.”
As palabras exactas de Axeitos, na entrevista con Luis Pousa, son: “no proceso sobre o decreto do plurilingüismo, o ILG e o Consello da Cultura, segundo di Política Lingüística, queren unha solución pactada e buscan que a Academia tamén se sume a ese pacto e retire o recurso, pero a Academia non está en venda.”