Carlos Callón: “Benigno López carece do rigor e da credibilidade para continuar como Valedor do Pobo”.
A Mesa sinala que “canto máis tempo permaneza este home no cargo, máis desacreditada estará a institución do Valedor.”
A Mesa pola Normalización Lingüística volveu a reclamar hoxe o cesamento do actual Valedor do Pobo, Benigno López, xa que “non para de acumular despropósitos e ataques contra os dereitos cidadáns que debería defender”. A organización sinalou, por boca do seu presidente, Carlos Callón, que “López carece do rigor e da credibildiade para continuar no cargo”.
A Mesa ten expresado xa en diferentes ocasións a súa “profunda disconformidade” co “proceder radicalmente pro-PP e moi pouco institucional” de López, a quen non consideran “capacitado para exercer un cargo de consenso e que mellore a convivencia”.
O presidente da asociación lembra que os problemas do actual Valedor do Pobo coa lingua galega “chegaron xa desde o día seguinte da súa desafortunadísima elección, en que demostrou que non era o Valedor do Pobo, senón o Valedor de Núñez Feijóo”. Carlos Callón apunta que a “fobia obsesiva contra o idioma de Galiza” de Benigno López xa provén “dos seus tempos de maxistrado, cando se negaba a utilizar o topónimo A Coruña”. O portavoz da maior asociación cutlural de Galiza tamén informa de que na entidade en defensa da lingua estiveron a padecer esta “fobia semana a semana”, xa que “o Valedor se nega a tramitar a inmensa maioría das queixas que lle remitimos por vulneración da lexislación favorábel ao noso idioma”. “Nos seus relatorios anuais non figuran a maioría das queixas cidadás que lles reencamiñamos”, denuncia.
Desde A Mesa sinalan que, se o Valedor non dimite nin é cesado antes do 17 de maio, a petición da súa saída “volverá a ser un clamor social na manifestación convocada para o Día das Letras por parte da plataforma Queremos Galego, que impulsou e coordina A Mesa”.