Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026.- O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, saiu esta mañá ao paso das declaracións do presidente da Xunta sobre o “consenso xeral” ao redor do futuro da lingua galega, recordando que “nada impediu á Xunta cumprir os acordos unánimes acadados hai máis de vinte anos”.
Maceira afirma que “se a Xunta quere comezar a asumir o seu deber de promover a lingua galega”, debería comezar por “levantar todos os vetos impostos ao galego”, como o decreto do mal chamado plurilingüismo, que prohibe dende hai anos usar o galego no ensino, ou a priorización do castelán no DOG e nas webs oficiais. O presidente da Mesa recordou, tamén, que goberno leva dous anos anunciando un “gran pacto polo galego”, ao tempo que reforma a lexislación para limitar a súa protección na administración ou na TVG ou boicotea a súa oficialidade na UE e a súa presenza na UNESCO.
“O grande pacto social polo galego é o protocolo Lingua vital”, asegurou Maceira, no que participaron 57 entidades sociais de ámbito nacional co apoio de 398 de todos os sectores”. “Este domingo, 17 de maio”, concluiu, “chamamos a sociedade a saír á rúa en defensa do galego e en apoio ao Protocolo Lingua vital, co que entidades sociais e as institucións públicas favorábeis ao galego poderán comezar a aplicar as medidas que contempla para reverter a emerxencia lingüística”.


