Carlos Callón: “A única razón pola que a Xunta escolleu a Marta Rivera de la Cruz é porque ten unha postura hostil cara ao galego e cara ao que significa Rosalía de Castro”
Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2013.- No ano en que se festexa o 150 aniversario do primeiro libro contemporáneo no idioma de Galiza, os Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Xunta decide “homenaxear” a súa figura excluíndo do acto de hoxe todas as escritoras en galego, “como se non existisen”, e convidando unicamente unha autora que mantén unha postura “moi hostil” cara a esa lingua.
Así, a maior asociación cultural de Galiza subliña que “o problema central deste acto non é que sexa unha persoa que escriba nun ou noutro idioma, senón no feito de que sexa alguén máis coñecido en Galiza polos seus posicionamentos contra a nosa cultura e o seu desprezo cara ás escritoras que usan o galego do que pola súa obra”.
Nesa liña, o presidente da Mesa salienta que “todo o mundo sabe, tamén a propia escritora” que “non foi seleccionada pola Xunta pola súa produción literaria, senón polos seus posicionamentos contrarios á lingua galega e á literatura galega”. É sinxelamente un premio á súa galegofobia. Neste sentido, Callón recorda que “a pesar de non contaren co soporte mediático e institucional que ten esta señora, hai ben de escritoras en galego que conquistaron un recoñecemento internacional, en traducións ou en recepción crítica, que é moi superior”, mais ás cales a Xunta de Núñez Feijóo non ten en conta “porque o goberno do PP se guía por un desprezo sistemático cara a todo o que nos identifica como galegas e galegos” e procura dar a imaxe de que “a cultura galega é inferior e incapaz”.
A entidade cidadá en defensa do galego anima tamén a Fundación Rosalía de Castro, que “moi acertadamente” se desligou do acto, a “que se dote de mecanismos que lle permitan evitar estas aldraxes á nosa cultura e á memoria da escritora fundacional da literatura galega contemporánea”. “Non podemos consentir que se use a Casa da Matanza –onde faleceu– para lixar e manipular a memoria de Rosalía”, conclúen.