A valedora notifícalle á asociación polo galego que non tramitará unha queixa pola exclusión da opción en galego alegando non querer multiplicar a carga de traballo
Marcos Maceira: “un novo desprezo polos dereitos lingüísticos de quen só actúa de oficio contra o galego, a escasa legalidade que a ampara e as funcións do seu cargo”
O que A Mesa xa sinalou en outubro vén de ser confirmado, noutro caso, polo TSXG: actúa como a curmá do zumosol do PP e retorce a legalidade até chegar a conclusión prefixadas
A Mesa pola Normalización Lingüística insiste na necesidade de que a valedora do Pobo Milagros Otero, demita da súa responsabilidade ou sexa cesada, pola súa actitude contra o galego e ante as negativas a aceptar queixas sobre a vulneración de dereitos lingüísticos.
O presidente da Mesa Marcos Maceira, detallou que a asociación acaba de recibir unha notificación desa institución sobre unha queixa, pola ausencia do galego nunha App para o servizo público de estacionamento do Concello de Santiago, que non será tramitada por entender que “multiplica a carga de traballo das administracións públicas”. A valedora pecha o trámite derivando a queixa a outra institución o que, para a Mesa, é unha mostra de abandono de funcións.
Maceira exemplificou o caso con outro recente, no que El Defensor del Pueblo si admitía a trámite queixas polas constantes dificultades para realizar trámites en galego na Axencia Tributaria. A valedora só mostrou o apoio a esta queixa cando viu que a institución estatal actuaba, absténdose da función de defensa en primeiro termo dos dereitos lingüísticos do pobo galego.
Amparo do abuso de poder contra crianzas ou da galegofobia na Garda Civil e actuación de oficio contra o galego
A asociación en defensa e promoción do galego xa pedira a demisión da valedora do Pobo en outubro do ano 2017 por amparar ataques contra o galego como a eliminación do galego nos sinais de tránsito en Gondomar, o abuso de poder contra unha meniña de 9 anos á que se lle restou nota por empregar a forma correcta e lexítima Galiza ou a aceptación da diminución de horas en galego por mor da aplicación da LOMCE.
Naquela altura a maior entidade cívica de Galiza indicaba que a máxima responsábel da institución non só amparaba os ataques contra a lingua senón que perseguía o galego de oficio en casos nos que fixo peticións para se editar a cartilla das vacinas en español ou a persecución dun centro de ensino por pendurar cartaces a favor do galego.
A esta relación de agravios engádeselle agora a negativa a realizar calquera trámite para termos opción de galego nunha App para o pagamento do estacionamento na zona ORA en Santiago.
Segundo a lei que regula a institución, a súa función debe ser velar polo exercicio dos dereitos fundamentais e as liberdades, mais actúa como se o dereito ao uso pleno e libre do galego non existir ou non fose merecente de facelo, contribuíndo a engadir máis obstáculos dos que xa hai ao seu desenvolvemento e normalización. A valedora do Pobo actúa nas cuestións relacionadas coa lingua galega cunha visión ideolóxica e sectaria que impiden que continúe no seu cargo un minuto máis.
A valedora é capaz de retorcer a lexislación para chegar á súa conclusión prefixada a costas á súa función. Precisamente esta actitude foi sinalada recentemente nunha sentenza do TSXG contra a valedora o que mostra o alto nível de degradación ao que chegou unha institución tan necesaria para a democracia en Galiza.