Recorda que foron as 33.000 persoas que asinaron a Iniciativa Xabarín as que impulsaron o acordo unánime no Parlamento que se empeza a cumprir agora coa apertura das novas canles
A Mesa pola Normalización Lingüística saúda a chegada das novas plataformas dixitais da CRTVG, agalega.gal e xabarin.gal, como “un triunfo da sociedade galega”. A Secretaria Xeral da Mesa, Xela Armas, participou na inauguración das novas canles, coas que a compañía de radio e televisión pública “comeza a cumprir o acordo aprobado por unanimidade polo Parlamento galego en maio de 2022”.
Armas recorda que “foron as 33000 persoas que asinaron a Iniciativa Xabarín e todos os concellos e entidades sociais que apoiaron a proposta as que impulsaron este triunfo da sociedade galega que hoxe celebramos”. A plataforma dixital incorpora 1400 contidos na nosa lingua que o público poderá gozar en aberto, ademais de dúas aplicacións que se poden descargar de xeito individual: A Galega Audio e Xabarín. A responsábel da Mesa espera que esta última esta dispoñíbel canto antes en todas as operadoras e paquetes de televisión.
“Tivemos que insistir, recollendo máis sinaturas para que non se seguise atrasando a disposición” e “seguiremos insistindo, para que se cumpra todo”, afirma Armas, quen recordou, tamén, que o Estado debe facer cumprir a Lei audiovisual a todas as operadoras e plataformas, comezando por TVE que só emite en galego 25 minutos diaros de 120 horas totais e 2 títulos en RTVE Play dos 4 con VO en galego.