A Mesa pola Normalización Lingüística rexeita o anteproxecto de lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza para a sociedade dixital e insiste nas alegacións enviadas á Xunta, advertíndolle que calquera cambio lexislativo “debe garantir o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e debe dar perspectiva de país nos contidos informativos, educativos e de entretemento”.
A Mesa súmase así ás propostas e consideracións emitidas tanto por entidades sociais como polas traballadoras e traballadores da propia CRTVG, para garantir estes aspectos nunhas radio e televisións públicas galegas exclusivamente ao servizo do pobo galego. Isto inclúe necesariamente o protagonismo no proceso de normalización social, recuperación e rehabilitación da lingua galega.
“Moito máis”, recorda o presidente da entidade de defensa da lingua, Marcos Maceira, “nun contexto como o actual, no que a oferta en galego no audiovisual é mínima: 0,92% nos servizos a petición e do 14% nos servizos lineais (correspondentes ás emisións da TVG), mentres no caso da programación infantil e xuvenil en galego as porcentaxes son de 1,1% no primeiro caso e 2,44% no segundo”.
A Mesa critica que o anteproxecto non incida en aspectos que si estaban na lei de creación da CRTVG, como o seu papel normalizador; que pase por alto as medidas contempladas no Plan xeral de Normalización da lIngua Galega aprobado por unanimidade parlamentar hai 20 anos; ou que descarte desenvolver e adaptar a favor da lingua e cultura de Galiza a Lei xeral de comunicación audiovisual do Estado, aínda que está permitido expresamente. “Pola contra”, lamenta Marcos Maceira, “o anteproxecto deixa a porta aberta ás emisións en castelán ou á renuncia a emitir para territorios limítrofes de lingua galega”.
“Con este anteproxecto preténdese esquecer o papel central que os medios públicos galegos teñen na normalización da lingua galega”, remata o presidente da Mesa, “e renunciar de forma expresa ao seu impulso en ámbitos como o infantil e xuvenil, a pesar do amplo apoio social de propostas como a Iniciativa Xabarín, impulsada pola Mesa, apoiada por máis de 30 mil persoas e aprobada por unanimidade parlamentar”.