Esta serie foi coñecida entre o público galego pola versión da TVG
A maior asociación cultural de Galiza quere que a TVG “teña unha política activa de reutilización para os DVDs das dobraxes que ten no arquivo, como fan as súas homólogas catalá e vasca”, algo que “supón custo cero para a TVG mais que significaría oxíxeno para o galego”
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2014.- A Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse esta mañá á Warner Bross e á TVG para que entre ambas fagan posíbel que o DVD da serie Batman, que chegará ao mercado ao longo de 2014, inclúa tamén a pista de dobraxe en galego. A Mesa realiza estas xestións após o chamamento público feito polo blogueiro Marcus e tamén de varias peticións nese sentido que lles fixeron chegar fans da serie, que tivo éxito no noso país a través da TVG, polo que a dobraxe galega é a que lles resulta máis “atractiva e familiar”.
O colectivo cidadán que preside Carlos Callón quere así evitar que “haxa outro novo audiovisual que se poña no mercado en DVD só coas pistas de inglés, español, catalán ou vasco, a pesar de que a TVG teña tamén no seu arquivo esa dobraxe ao noso idioma”.
Desde A Mesa lembran que non sería a primeira vez que unha distribuidora non incluiría unha pista no noso idioma na comercialización dun DVD a pesar de estar a dobraxe feita e dispoñíbel. Iso foi debido nalgúns casos a que a TVG non realizou as xestións oportunas (como si o fixeron, por exemplo, as súas homólogas vasca ou catalá) ou –mesmo– debido nalgunhas ocasións do pasado á negativa da nosa televisión pública a ceder tales versións, algo que desde A Mesa “desexamos que non se volva a producir nunca máis, pois prexudica tanto os dereitos lingüísticos da poboación como o creto social da propia TVG”.
A maior asociación cultural de Galiza considera “moi preocupante” o “varrido do galego que hai en moitos produtos audiovisuais destinados sobre todo á xente máis nova”. Nese sentido, lembran que “o noso país foi o único do Estado con lingua propia diferente do español que non tivo a posibilidade de non ver absolutamente ningún filme infantil dobrado ao seu idioma nas festas do Nadal”.
Como primeira medida, A Mesa reclama que a TVG teña unha “política activa” de reutilización das dobraxes que teña no arquivo para os DVDs que saian ao mercado con eses produtos audiovisuais. “O custo é cero, mais melloraría cualitativamente a oferta dispoñíbel para a nosa lingua”, conclúen.