A Mesa pola Normalización Lingüística súmase un ano máis á iniciativa da UNESCO, que mañá venres, día 21 de febreiro, celebra o Día Internacional da lingua materna ou da lingua propia para reclamar garantías para a diversidade lingüística fortalecendo a protección, promoción e preservación de todos os idiomas, nomeadamente aqueles que están ameazados.
Esta data celébrase en Galiza após as contundentes demandas do Consello de Europa, ente elas a derrogación do mal chamado decreto de plurilingüismo e os últimos datos do Instituto Galego de Estatística que indican que ademais do retroceso do uso do galego, temos neste momento o índice máis alto de incapacidade para falalo da historia de Galiza co 24% de rapaces e raparigas menores de 15 anos.
Por este motivo, a Mesa reclama ao Partido Popular que abandone o extremismo contra o galego e ao conxunto de organizacións políticas que impulsen unha nova política favorábel ao galego que garanta o coñecemento da lingua, presenza visíbel e audíbel e total liberdade de uso en todos os ámbitos e garantías de exercicio dos dereitos lingüísticos.
O presidente da entidade pola lingua, Marcos Maceira, insiste en que “queremos os mesmos problemas para usar o galego, para velo, lelo e ouvilo en Galiza que ten calquera persoa co castelán cando pasea por unha rúa de Madrid, cando se dirixe á administración pública ou cando compra en calquera estabelecemento” e que “a Xunta ten que deixar de ser a principal defensora da inferioridade de condicións para as e os galegofalantes”.
Segundo denunciou Maceira, neste momento a sociedade civil actúa en solitario para promover a lingua de Galiza e combater agravios e discrimacións. Neste sentido, lembrou a recente proposta no Congreso para impulsar que o Estado cumpra coas resolucións do Comité de Ministros do Consello de Europa, a campaña para fomentar o uso do noso idioma entre doentes e persoal sanitario, proxectos como Abertos ao Galego para o uso da lingua no ámbito comercial, ou A Liña do Galego, o único existente en Galiza para reclamar o dereito ao uso do galego. “Tendo a responsabilidade legal e moral de promover e defender a lingua galega”, concluiu, “a Xunta, con Feixoo á cabeza, non só non colabora senón que actúa sistematicamente en contra”.
Con motivo do Día Internacional da lingua propia, a Mesa distribuirá nas redes sociais e entre as ANPAS de Galiza, a partir do día 21 de febreiro, cartaces coa lexenda “Fálalles galego” e indican que malia o esforzo desgaleguizador da Xunta, acelarado na última década con Feixoo á fronte, hai esperanza para o galego porque son moitas as galegas e galegos que con ilusión e vontade manteñen un compromiso no uso e transmiisión do idioma propio de Galiza.