Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Soledad Agra, deputada de Lingua da Deputación da Coruña, presentaron esta mañá en Compostela o Informe anual da Liña do Galego correspondente ao 2023. Segundo recolle dito informe, ao longo do pasado ano, a entidade de defensa da lingua tramitou a través de chamadas, correos electrónicos e da app da Liña do galego uun total de 1129 expedientes, dos que 650 foron consultas, 29 foron parabéns e 450 foron queixas. Destas queixas, a gran maioría destiveron motivadas polas discriminacións e exclusións lingüísticas (28%) e pola a toponimia deturpada (25% ). Un apartado no que as queixas medran ano tras ano é o referido ao uso do galego nas web e servizos online, que ao longo de 2023 supuxo o 22% das queixas recibidas pola Liña do Galego. O establecemento da vida dixital leva as persoas galego falantes a se decataren de que os seus dereitos lingüísticos son vulnerados acotío nestes servizos en liña.
Na presentación do informe, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembrou que A Liña do Galego é o único servizo gratuíto que se oferta en Galiza para consultas, queixas e parabéns e que neste momento só conta coa colaboración da Deputación da Coruña, cuxo compromiso destacou fronte ao absentismo das súas obrigas da Xunta de Galiza. “A acción da Liña do galego é recoñecida ano após ano nos informes da Valedora do Pobo ao Parlamento de Galiza como fundamental para resolver positivamente parte das denuncias con motivación lingüística que recibe a institución”, recordou, e serve para documentar denuncias internacionais como as presentadas no Consello de Europa ou a ONU.
Maceira salientou que o 41% das queixas dirixidas á administración recibidas recaen na administración autonómica galega, “evidenciando os pasos atrás que o goberno da Xunta está a dar nos últimos anos en relación co impulso da lingua galega na administración e no respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía”. “Quen máis debería facer cumprir a lexislación que protexe e ampara o galego é precisamente quen máis a incumpre e vulnera”, lamentou o presidente da Mesa.
Das queixas dirixidas á administración autonómica galega, case a metade diríxense á Consellería de Sanidade (o 38% do total), mentres que a Consellaría de Educación recibiu un significativo 15%. O informe destaca, tamén, o aumento significativo das queixas que recibiron as tres universidade galegas, por impedir ou dificultar ao alumnado a realización de trámites en galego.
A administración xeral do Estado recibiu o 34% das queixas, o que -en opinión de Maceira- amosa que “as persoas usuarias da Liña do Galego son cada vez máis conscientes de que os seus dereitos lingüísticos van máis alá das fronteiras galegas e que, por tanto, o goberno estatal tamén debe cumprir coas súas obrigas lingüísticas”. A maioría destas queixas diríxense ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, por deturpación de toponimia galega nos paneis das estradas e pola ausencia de atención oral e escrita en galego por parte de Renfe e Adif. Tamén son numerosas as queixas dirixidas ao Ministerio do Interior (20%).
A administración local recibiu o 25% do total entre as queixas interpostas, a maioría delas sinalanndo a deturpación de toponimia galega ou a exclusión da lingua galega nalgunhas súas actividades ou servizos ofrecidos polos concellos.
Polo que respecta ás empresas, a que máis queixas rexistrou foi Vodafone (12%), especialmente a partir d campaña promocional Venche a Vodafone, que indignou a gran parte da comunidade galega polo desleixo evidente no uso da nosa lingua. Síguea de preto Naturgy (11%), que ao longo dos últimos anos ven seomentendo aos consumidores e consumidoras galegas a unha indefensión total á hora de usar a nosa lingua. A falta de atención oral e escrita en galego, a sinalización e rotulación dos establecementos exclusivamente en español e a deturpación de toponimia galega nas comunicacións escritas e nas páxinas web son as principais queixas dirixidas ao conxunto das empresas e, tamén, ás entidades bancarias. Sendo, neste último caso, especialmente grave naqueles casos nos que as persoas usuarias se ven obrigadas a acudir a ditas entidades para pagar taxas das administracións públicas.
A deputada de Lingua da Deputación da Coruña, Soledad Agra, recordou que “é preciso traballar pola igualdade de dereitos lingüísticos e pola fin dos prexuízos, tópicos e actitudes negativas que aínda hoxe afectan ao uso da nosa lingua” e salientou a obriga das entidades públicas á hora de “garantir que calquera persoa que así o desexe poida desenvolver a súa vida plenamente en galego con normalidade”. Neste sentido, Agra salientou que “non debera ser a sociedade civil a que se organice na defensa dos seus dereitos lingüísticos”, pero mentres teña que ser así o compromiso do seu departamento coa Liña do Galego será inquebrantable e anima a cidadanía a facer uso deste servizo.