Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, defenderán mañá terceira feira (martes) 9 de novembro, ás 11h, no salón de actos da facultade de comunicación da USC a necesidade de loitar pola igualdade do galego na Lei do Audiovisual que se está a debater no Estado. A mesa redonda, na que tamén participarán a actriz Lidia Veiga, o director Ignacio Vilar e o actor de dobraxe Andrés Bellas, é de acceso libre e gratuíto até completar o espazo.
Maceira advirte que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega e do propio sector audiovisual do país” que a nova Lei do Audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar. “Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente”, recorda, “e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e pola mocidade e pola infancia e particular”. “Estes dous elementos converxen nun sector como audiovisual galego de calidade demostrada e gran capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país”, conclúe Maceira.