A ONU recolle as vulneracións dos dereitos lingüísticos en Galiza

A mobilización social consegue que o Relator especial para as minorías do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos visite Galiza, onde se reuniu con representantes da Mesa

De Varennes salienta no seu informe preliminar que “as minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais, o que “segue sen cumprirse nalgunhas rexións”

Compostela, 25 de xaneiro de 2019.- A Mesa pola Normalización Lingüística presentoulle esta semana a Fernand de Varennes, relator especial para as minorías da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, evidencias das vulneracións dos dereitos lingüísticos da poboación galega que se están producindo na educación, na xustiza, na administración ou no consumo, promovidos ou consentidos polo Estado e pola Xunta. A Mesa, que xa intervira en xuño do 2015 no Consello de Dereitos Humanos da ONU en Xenebra, manterá o contacto co relator para informalo das situación en Galiza.

No seu informe preliminar, que ven de ser publicado na web das Nacións Unidas, De Varennes salienta que “as minorías lingüísticas teñen dereito a usar o seu idioma nas súas interaccións coas autoridades e institucións estatais, sempre e cando sexa razoábel e xustificado, segundo a proporción da poboación que o fale localmente, pero isto segue sen cumprirse nalgunhas rexións”. O Relator lembra, explicitamente, que -tal e como vén denunciando a Mesa en innúmeras ocasións- “disposicións como o Artigo 231 da Lei orgánica do poder xudicial son un obstáculo importante para o cumprimento por parte de España das súas obrigas internacionais en relación co uso cooficial das linguas minoritarias, xa que estipula que nos procedementos xudiciais, os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e outros funcionarios utilizarán a lingua castelá e que as linguas minoritarias cooficiais só se permitirán se ningunha das partes se opón. Isto, na práctica, levou a que en moitos, se non na maioría dos casos, as autoridades xudiciais penais, civís e administrativas non permitan os procedementos en comunidades autónomas na lingua minoritaria cooficial, mesmo se o solicita unha parte”. “Este obstáculo xeral para o uso dun idioma cooficial minoritario”, afirma De Varennes no seu informe preliminar, “xera preocupacións en canto ao cumprimento das obrigas internacionais de dereitos humanos que se detallarán no informe final”.
É a primeira vez que un representante da ONU vén a Galiza para avaliar a situación dos dereitos lingüísticos da cidadanía o que, dende a Mesa, se considera un éxito da mobilización social a prol do galego. Neste sentido, Marcos Maceira, presidente da entidade salienta que “é máis fácil falar da situación do galego cun representante da ONU que co presidente da Xunta” e denuncia que iso “é un déficit democrático que debe ser corrixido”. “A visita do relator da ONU é un éxito da mobilización social”, asegura, “que debe intensificarse para que Estado e Xunta asuman que vulnerar os dereitos lingüísticos é un ataque aos dereitos humanos”. Representantes da Mesa recordáronlle a Varennes que o Estado español e a Xunta de Galiza deben garantir o principio de que os dereitos lingüísticos son dereitos humanos e entregáronlle un informe no que salientan a indefensión da poboación galega ante discriminacións lingüísticas. “No caso de Galiza”, asegura Maceira, “este papel corresponde en solitario á sociedade civil, sen que os organismos públicos actúen ao respecto da defensa dos dereitos lingüísticos da súa cidadanía”.
Reflexións preliminares do Relator Especial con respecto ás linguas

A Guía práctica de 2017 sobre os dereitos lingüísticos das minorías lingüísticas publicada baixo o mandato do Relator Especial da ONU sobre cuestións das minorías destaca o papel central e a importancia do idioma para as minorías lingüísticas e pon de manifesto as obrigas do Estado en virtude de diversos instrumentos do tratado da ONU. A competencia das comunidades autónomas nos campos da educación, dos servizos sociais e doutras áreas levou a unha variedade de modelos e prácticas que se adoptan en diferentes comunidades autónomas e reflicten contextos, poboacións e expectativas moi diversos.

Unha preocupación atopada polo Relator Especial en varias ocasións en reunións con organizacións da sociedade civil foi a sensación de que existía unha desconexión entre o estado reclamado dos idiomas cooficiais e o alcance do seu uso real e da implementación da lexislación. Por exemplo, sinalouse que os xuíces e os funcionarios encargados de facer cumprir a lei, como a policía nacional, non están suxeitos a ningún requisito de coñecemento dun idioma cooficial, até cando exercen nunha comunidade autónoma. Suxeriuse que isto conduce a un número significativo de queixas e frustracións nalgunhas comunidades autónomas e a desafortunados malentendidos e até á negación ou discriminación no acceso aos servizos públicos.

Segundo o recomendado por outras organizacións internacionais, incluído o Comité de Ministros do Consello de Europa, disposicións como o artigo 231 da Lei orgánica do poder xudicial son un obstáculo importante para o cumprimento por parte de España das súas obrigas internacionais en relación co uso cooficial das linguas minoritarias, xa que estipula que nos procedementos xudiciais, os xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e outros funcionarios utilizarán a lingua castelá e que as linguas minoritarias cooficiais só se permitirán se ningunha das partes se opón. Isto, na práctica, levou a que en moitos, se non na maioría dos casos, as autoridades xudiciais penais, civís e administrativas non permitan os procedementos en comunidades autónomas na lingua minoritaria cooficial, mesmo se o solicita unha parte. Este obstáculo xeral para o uso dun idioma cooficial minoritario xera preocupacións en canto ao cumprimento das obrigas internacionais de dereitos humanos que se detallarán no informe final.
A Mesa pola Normalización Lingüística
É unha entidade social independente, constituída en 1986 e da que forman parte arredor de 5000 socias e socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega. Neste sentido, a defensa do dereito ao emprego do galego en Galiza en todas as situacións e contextos é unha das súas principais liñas de actuación. Entendemos que o dereito ao uso da lingua propia non se pode desligar dos máis elementais dereitos humanos, civís e democráticos. A entidade dotouse do Observatorio de Dereitos Lingüísticos que conta cun comité asesor formado por xuristas e persoas expertas en diferentes ámbitos. O Observatorio elabora relatorios e informes que envía a diferentes institucións públicas galegas, estatais ou, recentemente, ao comité de expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Anualmente presenta publicamente o seu informe A Liña do Galego baseado nos casos de vulneracións de dereitos lingüísticos, mais tamén nas consultas ou parabéns a quen si os garante. A Mesa pola Normalización Lingüísitica forma parte da Rede Europea para a Igualdade das Linguas – ELEN.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra