A Policía Nacional de Ferrol negouse atender a denuncia dun cidadán porque falaba en galego

 “Si quieres algo te vienes por la comisaría y se lo intentas contar a alguien que te entienda” foi a resposta do funcionario antes de colgar o teléfono

 A Mesa lembra que o Estatuto Básico do Empregado Público considera “falta disciplinaria moi grave” a discriminación por razón de lingua

 Marcos Maceira: “A policía debe servir e respectar á cidadanía, non desprezala por usar a súa lingua”

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2015. A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia un caso de discriminación lingüística na Comisaría da Policía Nacional en Ferrol, onde se incumpriu a lexislación sobre a oficialidade do galego e se vulneraron gravemente os dereitos dun cidadán ao lle negar atención polo feito de se expresar en galego.

 

Segundo as queixas recibidas pola Mesa a través da Liña do Galego, un funcionario da comisaría de Ferrol negouse a atender a chamada dun cidadán porque este se expresaba en galego. O feito tivo lugar o pasado domingo 12 de abril cando un veciño de Caranza chamou por teléfono á comisaría de Ferrol para informarse de como denunciar un ataque informático do que fora vítima no seu computador persoal. Ao comezar a expor o seu caso, o funcionario que atendía o teléfono pediulle que se dirixise a el en español, e ao se negar este cidadán a cambiar de lingua manifestando que tiña dereito a se expresar en galego, o funcionario colgoulle o teléfono tras instalo a que se quería algo fose pola comisaría e intentase contarllo “a outra persoa que o entendese”.

 

A Mesa salientou que o feito de non ser atendida a súa denuncia só polo feito de se expresar no seu idioma supón unha grave prexuízo e unha inadmisíbel discriminación para este cidadán. Esta situación vulnera claramente non só a lexislación vixente sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía na súa relación coa Administración senón tamén o deber dos empregados públicos de tratar co respecto que merece a toda a cidadanía. Neste sentido, a entidade en defensa do idioma lembrou que alén da lexislación xeral sobre a oficialidade do galego, o artigo 54.11 da Lei 7/2007 do estatuto do empregado público estabelece que os empregados públicos de calquera administración, entidade ou empresa pública  “garantirán a atención ao cidadán na lingua que o solicite sempre que sexa oficial no territorio”; e que o artigo 95.2.b desta mesma Lei 7/2007 considera falta disciplinaria moi grave a discriminación por razón de lingua.

 

Segundo sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “é inadmisíbel que unha agresión como esta parta dun corpo que debería velar polo cumprimento dos dereitos da cidadanía e non desprezalos atacando a quen os fai valer”.

 

A Mesa dirixiuse tanto á Comisaría de Ferrol como ao Valedor do Pobo, o Ministerio do Interior e a SXPL para denunciar estes feitos e exixir que a Policía Nacional cumpra a lexislación e se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra