Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2025.- A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego retoman a publicación de LongaLingua que as entidades editaran entre 2006 e 2010. Nesta nova xeira a revista e videopodcast contará con análises sobre a situación da lingua galega en diferentes ámbitos a cargo de persoas expertas. Os artigos completaranse cunha serie de videopodcast que estarán dispoñíbeis en diferentes plataformas como Spotify e Youtube. O primeiro episodio publícase hoxe mesmo, 7 de marzo, cunha entrevista á profesora honoraria da Universidade da Coruña, María Pilar García Negro.

A revista e vídeopodcast será dirixida pola xornalista e comunicadora Eva Fernández Prieto, que salienta o papel “referencial” de LongaLingua na súa anterior etapa. “En papel era unha publicación de referencia para a análise da lingua galega”, recorda Fernández Prieto, “e agora volverá selo en diferentes formatos multimedia”. “Actualmente os videopodcast son un formato con bastante éxito nas plataformas dixitais”, remata, “e este proxecto permitirá que a reflexión arredor da nosa lingua estea presente tamén neste espazo”.
Consulta o proxecto e a primeira entrevista aquí