A Mesa pola Normalización Lingüística

A TVG censurou a nova da absolución de Carlos Callón

O Comité de Empresa da TVG denuncia que, aínda que a nova dos xuízos contra Carlos Callón saíu dúas veces, a absolución foi totalmente silenciada nos telexornais.

Susana Méndez, vicepresidenta da Mesa, considera que “informar das denuncias e non da absolución entra nos obxectivos do PP de criminalizar o movemento social en defensa do galego”.

O blogue “Eu non manipulo”, creado polo Comité de Empresa da TVG, para denunciar a censura e terxiversación realizada pola actual dirección do ente, ergueu a súa voz polo silenciamento da absolución do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. As traballadoras e os traballadores da televisión pública lembran que os xuízos contra Carlos Callón saíron nos informativos tanto no mes de novembro como no mes de maio; de feito, desde a entidade en defensa do galego lembran que foron das poucas veces en que A Mesa tivo presenza na TVG, xa que a súa actividade está “continuamente vetada”.

 

Porén, o día en que a Audiencia non só absolveu a Callón, senón que lle deu a razón e lle recordou ao xuíz que o denunciaba que xactarse de non usar a toponimia galega de forma oficial é a “comisión dunha ilegalidade”, a nova foi totalmente censurada nos telexornais. Como apuntan desde o Comité de Empresa da TVG, “o día da absolución a TVG non informa da decisión xudicial.  Só no informativo matinal do día seguinte, o 7 de xuño, o Bos Días, o de menos audiencia, deu conta da decisión da audiencia provincial de rexeitar o recurso do xuíz Fraga Mandián.” (Pódese ver a información completa en: http://eunonmanipulo.wordpress.com/2013/06/07/e-a-absolucion-de-carlos-callon/)

 

A vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Susana Méndez, lamenta que “os directivos da TVG falten á mínima ética xornalística” e “censuren co obxectivo de criminalizar o movemento social en defensa do galego”. Méndez lembrou tamén que A Mesa “fai propostas e actividades cada semana que tamén son sistematicamente ocultadas na que debería ser a televisión pública de todas e todos e non TelePP”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra