A Mesa pola Normalización Lingüística

A TVG leva 112 días sen cubrir ningunha información sobre A Mesa nin sobre Queremos Galego

O presidente da Mesa, Carlos Callón, denunciouno esta mañá nunha conferencia de imprensa á que non asistiu a TVG.

Callón: “A sociedade galega é plural, aínda que os directivos da TVG nos queiran convencer de que só existe o PP”.

A Mesa pola Normalización Lingüística denunciou que desde o día 14 de decembro de 2011 a TVG non se fai eco de ningunha nova desta organización, que é a maior asociación cultural de Galiza, nin da plataforma Queremos Galego, que aglutina 700 entidades. O presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego, Carlos Callón, valora que “despois de 112 días de censura total é hora de chamar a urxencias”. Á conferencia de imprensa en que o denunciou tampouco asistiu o medio público.

 

Callón agradeceu “aos outros medios públicos e aos medios privados por teren en conta as nosas novas na medida en que as consideran noticiábeis e representativas” e amosou tamén “toda a solidariedade coas traballadoras e cos traballadores da compañía da RTVG e todo o apoio na loita por uns medios públicos e dignos”.

 

A Mesa salientou que “en moitos casos, xa non é que a TVG non emita ningunha información, senón que en demasiados nin tan sequera se achega a cubrila”. “É notorio o caso da mobilización de 2.000 persoas o 17 de decembro de 2011, reclamando o cesamento do Valedor do Pobo. Nin a Radio Galega nin a TVG se achegaron a unha mobilización de 2.000 persoas. É demasiado”, sinala a entidade.

 

“Nin convocatoria de folga estudantil para o 19 de abril, nin convocatoria de manifestación nacional para o 17 de maio, nin denuncias particulares de casos graves de discriminación lingüística… Non é só que se vaporicen as críticas, senón que desaparecen da pantalla pública as ideas diferentes ás do PP, aínda que non sexan críticas directas ao goberno”, sinala Callón. “A sociedade galega é plural, aínda que os directivos da TVG nos queiran convencer de que só existe o PP, sendo capaces mesmo de póren tres ou catro veces seguidas nun informativo a Rodríguez Miranda, mais negando calquera fenda comunicativa a entidades sociais e culturais que teñen opinións propias.”

 

A Mesa lembra ademais que desde o 19 de outubro de 2009, “cando se produciu a polémica entrevista a Carlos Callón no Foro Alberto ou Foro Aberto, en ningunha ocasión nin o presidente da Mesa e portavoz de Queremos Galego nin ningún outro dirixente ou voceiro/a da asociación ou da plataforma tiveron eco para ningunha entrevista na TVG”. “Como nesa entrevista lle saíron as contas furadas ao PP, nunca máis se volveu ofrecer espazo. Non importou convocar actos de 2.000, 40.000, 50.000 ou 100.000 persoas: pasouse da manipulación á censura absoluta”, denuncian.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra