A directora da Axencia Tributaria de Galiza responsabiliza o Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantil de España do uso de topónimos deturpados nos correos da entidade pública galega
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024.- A directora da Axencia Tributaria de Galiza contestou á queixa presentada pola Mesa, tras coñecer a imposición do uso de topónimos deturpados nas súas oficinas linquidadoras, responsabilizando o Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantil de España, por ser o propietario dos dominios que se empregan. A entidade de defensa da nosa lingua lamenta que a Xunta “sinale en terceiros as súas propias vulneracións da legalidade”, ao tempo que “delega neles a responsabilidade de facer cumprir a lexislación”.
Para A Mesa, a resposta de Atriga, entidade pública “ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia”, supón “un ataque directo que a Xunta está a permitir á lexislación que debe facer cumprir, entre as que se encontran a Lei de normalización lingüísitica, o Decreto para a recuperación e fixación da toponimia, o Decreto polo que se aproba o nomenclator ou mesmo sentenzas como a do Tribunal Supremo de 19 de setembro de 2001 ou do Constitucional de 21 de decembro de 1989”.
O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lamenta que “este ataque manifesto á legalidade sexa realizado directamente pola Xunta”, coa colaboración de “corporacións ás que tamén se lles ten que presupor o cumprimento escrupuloso da legalidade, máis cando os seus e as súas membros son precisamente as persoas habilitadas para sinalar a ubicación e nome das propiedades”.
Maceira advirte que, “por desgraza, este feito non é illado”. “Os ataques á toponimia galega, única lexítima e legal”, abunda, “adoitan ter o amparo do presidente da Xunta, que ten a obriga de facer respectar a lexislación e promover a lingua galega”. O caso máis recente foi a participación de Alfonso Rueda no Foro celebrado na Toxa. “Todo isto é indicativo”, asegura, “do profundo desprezo que sente o señor Rueda polo galego, por Galiza e mesmo polo cargo que ocupa”. A Mesa lembra que “a toponimia fala da Historia, da cultura e da lingua dos pobos” e que, polo tanto, “agredir a toponimia galega é agredir o pobo galego”.
A Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase de A Liña do Galego, dispoñible tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta, en iOS e Google Play.