A Xunta agrava a emerxencia lingüística reducindo o uso do galego na CRTVG

A Mesa pola Normalización Lingüística advirte que a proposta de lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galiza feita pública hoxe no Consello da Xunta “teima en reducir máis a xa anecdótica oferta de 0,9% en galego nas operadoras de televisión”.

O presidente da entidade, Marcos Maceira, salienta que o artigo 7, que recolle o uso do galego, engade a posibilidade de utilizar outras linguas, “cando así o xustifique a finalidade de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra do territorio da comunidade autónoma”. “Este engadido”, denuncia Maceira, “pretende esquecer o papel central que os medios públicos galegos teñen na normalización da lingua galega, a pesar do amplo apoio social de propostas como a Iniciativa Xabarín, impulsada pola Mesa, apoiada por máis de 30 mil persoas e aprobada por unanimidade parlamentar”.

Neste sentido, o presidente da Mesa recorda que “mentres di estar a promover un pacto polo galego, a Xunta continúa a eliminar calquera uso e presenza do galego na nosa sociedade, por mínima que sexa”. Este proxecto de lei engádese á inclusión dun artigo na lei de orzamentos para eliminar o requisito de coñecemento de galego ao funcionariado interino, ao recente rexeitamento a aplicar as medidas do PXNLG nas notarías ou “as declaracións de desprezo á miles de persoas que se concentraron o pasado 17 de novembro en Santiago para reclamar un novo rumbo para o galego diante da emerxencia lingüística”, en palabras de Maceira.

“Queren expulsar máis o galego da única televisión onde se usa”, denuncia Maceira, “a TVG, a de todos e todas nós, e negarnos o dereito á atención no noso idioma eliminando o requisito de coñecelo na función pública”. “Mentres”, remata, “falan dun novo acordo ao que pretenden chegar negándose a recibir á Mesa pola Normalización Lingüística que en abril e setembro solicitou unha reunión e non recibiu nen acuse de recibo”.

A Mesa pola Normalización Lingüística chama a apoiar a Iniciativa Lexislativa Popular Liberemos a galega, impulsada por ducias de colectivos sociais para dotármonos dunha CRTVG ao servizo dos intereses do pobo galego e da normalización da lingua galega e lembra que a Plataforma cidadá Queremos Galego convocou a encher a praza do Obradoiro de Compostela o Día de Rosalía, 23 de febreiro, de 2025.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra