Santiago de Compostela, 28 de maio de 2018- A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que na versión en galego do primeiro exame do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo superior de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, Subgrupo A1, escala de veterinarios/as, que tivo lugar o pasado 20 de maio estaba repleto de grallas e faltas de ortografía.
As grallas, a mala colocación dos pronomes, a incorrecta puntuación e en xeral a mala redacción do texto obrigou a que moitos/as aspirantes comezaran facendo o exame en galego e se pasasen na metade do exame á versión en castelán por medo a contestaren mal ou ter que ler as preguntas en castelán para poder contestar na versión en galego.
Máis una vez a Xunta de Galiza, neste caso a Dirección Xeral para Función Pública, pretende incumprir a lexislación sobre a oficialidade do galego e os dereitos lingüísticos da cidadanía. A Mesa xa denunciou que noutras convocatorias de oposicións autonómicas como son as do Sergas, á hora da proba se dicía textualmente que “ En caso de erro tipográfico ou de transcrición do texto editado en galego e o editado en castelán, do cuestionario bilingüe, prevalece este último aos únicos efectos da súa comprensión lóxica, sen prexuízo das aclaracións vinculantes que de viva voz poida advertir o tribunal durante a realización da proba.”
Marcos Maceira apuntou que “ estamos ante outra mostra do desprezo á lingua galega por parte do goberno da Xunta de Galiza” e que “É unha evidencia dos prexuízos e a discriminación e consideración que lle dan ao galego na Xunta e na Consellaría de Facenda e Función Pública”.
Semella que á Xunta se lle esquece que o Estatuto de autonomía de Galiza dispón no seu artigo 5 que “a lingua propia de Galiza é o galego”, e que os poderes públicos de Galiza garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciaran o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa. Así mesmo, a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, indica no seu artigo 4.1 que o galego é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma e da súa Administración; e o artigo 6.3 do devandito texto legal insta os poderes públicos de Galiza a promoveren o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.
Cómpre sinalarmos que o tribunal deste exame tivo de ser reformulado, tras as queixas da CIG xa que non cumpría os requisitos legais de formulación, e que son moitas as preguntas que serán recorridas por seren incorrectas ou chegaren a estar fóra do temario establecido.