A Xunta de Rueda soa contra a oficialidade do galego na UE

Mentres a Xunta boicotea o proceso de oficialidade do galego na UE, máis de 30 representantes da sociedade galega dirixíronse de novo ás representacións permanentes dos Estado na UE para pedir o seu apoio á oficialidade do galego na UE. A actitude de Rueda non só contrasta coa dos seu homólogos vasco e catalán, senón tamén coa da representación social que esta semena se dirixiu aos Estados membros pedíndolles que voten “si” ao recoñecemento da lingua galega como oficial da Unión Europea, salientando que “o galego é garantía de futuro, de existencia digna e próspera como pobo”.

A carta, que se pode consultar na web da Mesa pola Normalización Lingüística, está asinada polos alcaldes de Vigo, Abel Caballero; Lugo, Miguel Fernández; e Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e mais polas alcaldesas da Coruña, Inés Rey; e Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín. Tamén asinan o escrito os reitores das tres universidades: Antonio López Díaz (USC), Ricardo Cao (UDC) e Manuel Joaquín Reigosa Roger (UVigo); o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; os presidentes das deputacións da Coruña, Valentín González Formoso; e Lugo, José Tomé Roca; e os responsables dos partidos e portavoces parlamentarios de BNG, Ana Belén Pontón Mondelo; e PSdG, Xosé Ramón Gómez Besteiro.

Os secretarios xerais dos principais sindicatos con presenza no noso país -Paulo Carril Vázquez (CIG), Amelia Pérez Álvarez (CCOO) e Cristóbal Medeiros Fernández (UXT)- e mais das principais entidades do rural galego -Isabel Vilalba (SLG), Roberto García Fernández (Unións Agrarias), Xurxo Álvarez (Federación Rural Galega), Higinio Mougán (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) e Roi Cuba Dorado (ADEGA)- súmanse, tamén, a unha carta que recorda que “a oficialidade do galego en Galiza, recoñecida en 1981, non será plena se non atinxe a todos os ámbitos da nosa vida social, económica e cultural, hoxe condicionada en moitos aspectos pola nosa pertenza a unha Unión Europea que aínda non recoñece plenamente a nosa lingua”.

Tamén o sector da cultura e da educación, representando por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; Bea Fariñas, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación; Arantza Vilar, presidenta da Asociación de actores e actrices de Galicia; Xosé Manuel Carril Vázquez, presidente de Galiza Cultura; Isabel Calvete, presidenta da Confederación de ANPAS GALEGAS; Rogelio Carballo, presidente de Confapa Galicia; María Pérez González. Presidenta da Federación de Asociacións Veciñais de Vigo “Eduardo Chao”; e Anxo Louzao Rodríguez, portavoz de Vía Galega asinan o documento, que salienta que “o idioma é o mellor instrumento común que creamos todas e todos os galegos e unha necesidade para avanzarmos xuntas todas as xeracións actuais na cultura, na educación, no progreso social, económico e político”.

“Para afrontar o futuro en todos os ámbitos precisamos o apoio e protección que as regulacións europeas dan ás linguas oficiais da Unión”, afirma o documento, que tamén asinan Manuel Vázquez Cabo, presidente da Rede Galega de Empresas; Mónica Fernández Valencia, presidenta da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras pola Normalización da Lingua; Celia Armas, directora de Abertos ao Galego; Elsa Quintas Alborés, directora do Observatorio Dereitos Lingüísticos; e Marcos Maceira Eiras, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que tramita queixas cara ás institucións, empresas, etc, que vulneran os dereitos lingüísticos; así como parabéns para quen dea pasos cara a garantía do dereito a vivir en galego. Este servizo conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra