A Mesa presentará unha queixa tanto ás institución sanitarias galegas como á Valedora do Pobo pola indefensión á que somete o goberno galego á cidadanía ao eliminar a nosa lingua da xestión da crise provocada pola pandemia
Compostela, 27 de marzo de 2020.- A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a Xunta exclúe o galego da atención telefónica polo Coronavirus, ao non ofrecer un argumentario na nosa lingua ao persoal que atende as chamadas relacionadas coa pandemia. As e os teleoperadores que resolven as consultas da cidadanía sobre a enfermidade no teléfono habilitado polo goberno galego, o 900 400 116, teñen obriga de cinguirse a unha serie de puntos informativos que só teñen dispoñíbeis en castelán.
As persoas galegofalantes que chamen a este número para cotexar se a súa sintomatoloxía é compatible coa enfermidade non serán, polo tanto, atendidas na súa lingua, o que aumenta a posibilidade dunha comunicación infrutuosa e pode poñer en risco a asistencia sanitaria. Unha vez máis, é a cidadanía galega a que ten que facer o esforzo de abandonar a súa lingua para poder entenderse co sistema público de saúde.
A Mesa denuncia que “a atención que se nos presta aos galegos e ás galegas no noso idioma neste momento de crise é practicamente inexistente”, dando lugar a “unha grave limitación ao noso dereito fundamental a expresármonos no noso idioma coa administración autonómica”. Esta situación engádese ao desprezo pola nosa lingua que o presidente e os cargos políticos do sistema galego de saúde están a amosar nas comparecencias súas públicas e na app do Sergas, que ofrece a información sobre o Coronavirus en castelán aínda que estea habilitada a opción en galego.
A Mesa enviaralle esta queixa tanto ás institución sanitarias galegas como á Valedora do Pobo.
Unha petición en liña de Queremos Galego rexistra máis de 2500 adhesións en menos de 24h
A petición en liña da plataforma Queremos Galego ao presiente da Xunta para que “exerza de presidente” e tome todas as medidas necesarias para preservar a integridade e a saúde da cidadanía galega, ofrecéndolle información clara e precisa, na súa lingua, sobre a epidemia do Coronavirus acadou máis de 2500 adhesións en menos de 24h.