Lugo, 12 de marzo de 2019.- A Mesa pola Normalización Lingüística vén de recibir, a través da
Liña do Galego, varias queixas pola existencia de docentes de ensino secundario e da Escola Superior de Arte Dramática de Galiza (ESAD) que persisten na súa negativa a acreditar o seu coñecemento da lingua galega.
Por un lado, nas listaxes de ensino secundario de interinidades e substitucións hai casos de persoas que traballan sen ter acreditado o coñecemento de lingua galega, cando é obrigatorio facelo ben con certificados de validación ou facendo unha proba antes da oposición. E, polo outro, nas convocatorias de listaxe da ESAD aparece como requisito ter coñecemento da lingua propia de Galiza, mais hai a posibilidade de ser seleccionado sen telo “na falta de candidatos que si o acrediten”. Neste caso, segundo recollen as mesmas bases, “as persoas candidatas deberán obter, no prazo máximo de dous anos desde que sexan nomeadas, o citado certificado de coñecemento da lingua galega (Celga 4) ou equivalente”. Porén, segundo refiren as persoas que emitiron estas queixas, hai profesorado que leva máis de dous anos traballando na devandita Escola sen acreditar o seu coñecemento de galego.
“Hai un incumprimento flagrante da normativa e a Consellaría de Educación non fai nada”, lamenta Marcos Maceira, presidente da Mesa. “Permite a ilegalidade que supón que haxa persoas que leven anos a traballar no ensino público sen cumprir un dos requisitos esenciais para o acceso á función pública, que é estar acreditada en coñecemento de lingua galega”, recorda. “Como actuaría a Consellaría de Educación de non cumprirse algún dos outros requisitos?” conclúe.
A Liña do Galego
É un servizo gratuíto ofrecido pola Mesa pola Normalización Lingüística dirixido a toda a poboación que, desde o ano 2007, atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas cara ás institucións, empresas etc, que os vulneran; así como parabéns para quen dea pasos cara á garantía do dereito a vivir en galego. Desde xullo do ano 2016, a Mesa puxo en marcha a app A Liña do Galego; o obxectivo desta aplicación é proporcionar ás usuarias e usuarios unha nova forma de comunicación que permita o envío de queixas e parabéns dunha forma sinxela, rápida, segura e cómoda.
A Mesa pola Normalización Lingüística
É unha entidade social independente, constituída en 1986 e da que forman parte arredor de 5000 socias e socios e que ten como obxectivo a normalidade plena da lingua galega. Neste sentido, a defensa do dereito ao emprego do galego en Galiza en todas as situacións e contextos é unha das súas principais liñas de actuación. Entendemos que o dereito ao uso da lingua propia non se pode desligar dos máis elementais dereitos humanos, civís e democráticos. A entidade dotouse do Observatorio de Dereitos Lingüísticos que conta cun comité asesor formado por xuristas e persoas expertas en diferentes ámbitos. O Observatorio elabora relatorios e informes que envía a diferentes institucións públicas galegas, estatais ou, recentemente, ao comité de expertos do Consello de Europa para a Carta europea das linguas rexionais e minorizadas. Anualmente presenta publicamente o seu informe A Liña do Galego baseado nos casos de vulneracións de dereitos lingüísticos, mais tamén nas consultas ou parabéns a quen si os garante. A Mesa pola Normalización Lingüísitica forma parte da Rede Europea para a Igualdade das Linguas – ELEN.