O Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, deu por boas no Parlamento as explicacións do Centro Hípico de Casas Novas que afirma que entender como humillación o se dirixir a unha nena de 10 anos con expresións como “es que a ti no te entiendo como hablas. Te explicas tan mal así” ou “aquí todos hablamos castellano y tu tienes que hablar el castellano”, “só poden deberse a unha interpretación errónea dos feitos”
Marcos Maceira: “Se a Xunta non fai nada, Feixó, Rodríguez e Mato serán cómplices dun caso gravísimo de vulneración dos dereitos dunha menor e de racismo lingüístico, que non se corresponde en nada co asinado por todos os partidos na Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega do pasado 15 de xullo“
O caso de humillación a unha nena de dez anos nun campamento de verán no Centro Hípico Casas Novas, chegou onte ao Parlamento de Galiza a través da deputada do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, que recolleu a denuncia feita este verán pola Mesa pola Normalización Lingüística e preguntou polas accións que tomou a Consellaría en relación a este gravísimo caso de vulneración dos dereitos dunha menor.
A resposta do Conselleiro foi clara: a Xunta limitouse a lembrarlle ao centro a lexislación que ampara os dereitos lingüísticos da menor, no entanto acredita e dá por boas as explicacións do Centro Hípico nas que afirma que todo se debeu a unha interpretación errónea dos feitos.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, reiterou a obriga da Xunta de “actuar sobre o sucedido até as últimas consecuencias nun caso que no que vulneran dereitos fundamentais dunha menor que é humillada e desprezada por utilizar a súa lingua”. A Xunta ten ferramentas para actuar e sancionar o acontecido a través da Consellaría de Educación, e a Consellaría de Benestar, responsábel da protección dos dereitos das menores. “Se a Xunta non fai nada, Feixó, Rodríguez e Mato serán cómplices dun caso gravísimo de vulneración dos dereitos dunha menor e de racismo lingüístico, que non se corresponde en nada co asinado por todos os partidos na Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega do pasado 15 de xullo“, afirmou.
Se o Centro Hípico cre un erro de interpretación e non humillación o se dirixir a unha nena de dez con expresións como “es que a ti no te entiendo como hablas, te explicas tan mal así”, “aquí todos hablamos castellano y tu tienes que hablar el castellano”, “Yo si te hablo en castellano tu obligación es hablarme en castellano” (feitos que nin tan sequera se tomaron a molestia de desmentir), estamos ante un caso onde ademais de agredir pretenden facelo normal cunha xustificación que só se sustenta desde o racismo lingüístico. Para o presidente da Mesa é preocupante e indigno que a Xunta ampare e consista este tipo de actitudes sustentándoas coa impunidade.
“A Xunta ten a obriga legal de velar polos dereitos das e dos menores, polo cumprimento dos dereitos lingüísticos, e dos dereitos das e dos consumidores e xa que logo pode e debe actuar perante estes comportamentos absolutamente desprezábeis, e desde A Mesa pola Normalización Lingüística instámolos a que o fagan”