Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026.- A Xunta anunciou a presentación da revisión do plan de normalización lingüística para esta semana, “con meses de retraso, estivalidade e aleivosía”, en palabras de Marcos Maceira, “para tentar arrefriar a mobilización a favor do idioma”.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística amósase moi crítico co goberno do Partido Popular. Maceira advirte que a Xunta se move ao ritmo das mobilizacións multitudinarias promovidas por Queremos Galego. E recorda que “anuncian, por fin, a súa proposta a mediados de xullo, despois da presentación do Protocolo lingua vital que contou co apoio de 396 colectivos sociais”.
Neste sentido, o voceiro da plataforma en defensa da lingua califica como “cinismo extremo” o anuncio dun novo plan, por parte do goberno autónomico, mentres mantén un curso máis o decreto contra o galego no ensino, boicotea a oficialidade na UE, favorece que persoal público non coñeza o galego, impide o seu uso nos programas informáticos da xunta ou abre a porta a deixar de usar o galego na TVG. “Rueda sabe perfectamente que o que realmente conta é o que diga a lexislación”, denuncia Maceira.
O primeiro obxectivo do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega era “garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións”. “Este obxectivo é plenamente vixente”, afirma Maceira, “mais é a propia lexislación de Rueda a que impede conseguilo sen que se albisque a mínima intención de modificala”. “Teñen 22 anos de experiencia incumprindo o actual PXNLG e agora só procuran máis marxe para continuar a enredar”, denuncia, “no canto de procurar solucións, mentres executan o verdadeiro Plan de enterro do galego”.
Desde que en decembro de 2024, na reunión mantida entre o Conselleiro de Cultura e a Mesa pola Normalización Lingüística, a entidade pola lingua reclamara vontade e compromiso de aplicación dos acordos, participación plural e transparencia, nada mudou na actitude do PP. A lexislación aprobada nesta lexisltaura é a mellor mostra das verdadeiras intencións do PP que impide legalmente a aplicación de calquera medida favorábel ao galego mentres anuncian unha revisión completamente opaca, pechada e dirixida pola Xunta, dun PXNLG que as mesmas leis impiden aplicar.
A mellor actualización do acordo unánime do PXNLG é darlle valor legal e que quen non cumpra asuma consecuencias. Fronte ao intento de silenciar a reivindicación de futuro para o galego e actuar fronte a emerxencia lingüística, a sociedade mobilizarase no apoio á ILP Lingua vital que Queremos Galego presentará en setembro para blindar os acordos a favor do galego.

