Noticias Noticias da Mesa

A Xunta recoñece a discriminación lingüística de Lugo e a Mesa exixe sancións

A Xunta responde que as funcionarias descoñecían a obriga de atender na lingua oficial que solicite a persoa administrada

A secretaria xeral da Mesa Mónica Pazos e a cidadá galega vítima dunha agresión lingüística por parte de dúas funcionarias da Xunta en Lugo, Adela Figueroa, compareceron hoxe en Lugo para dar conta das novidades en relación ao caso de agresión lingüística acontecido en febreiro deste ano por parte de dúas traballadoras públicas.

Tras as queixas presentadas, a Secretaría Xeral para o Deporte recoñece nun informe que “as funcionarias que atenderon á cidadá descoñecían a obrigatoriedade que demanda á normativa de aplicación respecto ao dereito da cidadanía a elixir o idioma en que desexa ser atendida pola Administración” (sic).

Desde a Mesa apúntase en primeiro lugar que a ignorancia da lexislación non exime do seu cumprimento, máxime cando estamos perante a vulneración de dereitos fundamentais por parte de funcionarias públicas, e perante a conculcación de lexislación de carácter básico ao que están sometidas as funcionarias.
Por outra banda, desde a Mesa tamén se denunciou as formas irrespectuosas das empregadas con frases como “no me dá la gana”, “soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”, “yo solo hablo castellano, no me dá la gana de hablar en gallego” ou “pues si se pierde, mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor” que demostran a intensa hostilidade contra á cidadá coa intención de situarse nunha posición de superioridade e amosando desexos expresos de que a lingua oficial desapareza.

Para a secretaria xeral da Mesa Mónica Pazos, a reiteración destas expresións, a intensidade a hostilidade contra a persoa administrada poderían ser constitutivas dun delito de incitación ao odio, polo que os servizos xurídicos da Mesa están valorando a posibilidade de adoptar medidas penais por este motivo.

Para Pazos, o recoñecemento da Xunta da negativa das funcionarias a atender Adela deberían ter sanción tal e como estipula a Lei do estatuto básico do empregado público por cando menos as seguintes faltas moi graves; discriminación por razón de lingua (artigo 95.2.b), incumprimento de funcións inherentes ao posto de traballo con rigor e respecto (artigo 95.2.g) e polas faltas graves de; minguar o crédito da imaxe pública da Administración galega (artigo 95.3.c).

Pola súa banda, Adela Figueroa culpou a Xunta de Galiza de mentir no seu informe, pois “están dicindo que apareceu un funcionario para ofrecerlle a atención en galego que as funcionarias lle negaron cando non é certo” polo que retou á Xunta a identificar a ese suposto empregado. Para Figueroa a mala actitude das funcionarias debe ser castigada para evitar que situacións así volten a acontecer.

Adela animou todas as persoas a exercer o seu dereito a seren atendidas en galego, por ser “un dereito de dignidade propia e de país” para rematar coas moitas humillacións que sofre a lingua galega e as persoas galegofalantes.

Finalmente tanto Adela Figueroa como Mónica Pazos en nome da Mesa fixeron un chamamento a participar na manifestación do 17 de maio que convoca Queremos Galego en Santiago de Compostela como mellor maneira de amosar que desexamos vivir en galego día a día sen trabas e sen discriminacións.

A Mesa mantén a súa actividade grazas ás socias e socios.
Colabora connosco asociándote

Nais e Pais polo Ensino en Galego

Colectivo constituído por un grupo de persoas preocupadas pola inexistencia de oferta educativa en galego e polo escaso valor social que segue a ter a nosa lingua. Saber máis

Ler máis
Observatorio de Dereitos Lingüísticos

Membros da xudicatura, da avogacía, sociolingüístas, docentes universitarios e profesionais do Dereito, sensibilizados co a lingua galega. Saber máis

Ler máis
Fundación Vía Galego

Fomentar o intercambio cultural cos outros territorios pertencentes ao sistema linguístico galego-portugués. Saber máis

Ler máis