O funcionariado da Axencia Tributaria de Galiza celebra a eliminación dos topónimos deturpados dos correos electrónicos oficiais das oficinas linquidadoras. Despois da protesta presentada, a través do servizo gratuíto da Mesa A Liña do Galego, a Xunta remitiu ás traballadoras e traballadores da entidade pública unha nova listaxe de correos cos topónimos oficiais.
Para A Mesa, a rectificación de Atriga, entidade pública “ao servizo dos intereses da Comunidade Autónoma de Galicia”, é un novo éxito da cidadanía galega contra os continuos ataques á nosa lingua. “Ataques”, lamenta o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “que veñen memso das institucións que deben defendela”. “A Xunta está a permitir”, abunda Maceira, “cando non a exercer directamente ataques á lexislación que debe facer cumprir, entre a que se encontran a Lei de normalización lingüísitica, o Decreto para a recuperación e fixación da toponimia, o Decreto polo que se aproba o nomenclator ou mesmo sentenzas como a do Tribunal Supremo de 19 de setembro de 2001 ou do Constitucional de 21 de decembro de 1989”.
A Mesa pola Normalización Lingüística conta cun servizo gratuíto para tramitar queixas diante da vulneración dos dereitos lingüísticos, así como parabéns para quen dea pasos cara a garantia do dereito a vivir en galego. Trátase de A Liña do Galego, dispoñible tanto na web como a través dunha app de descarga gratuíta, en App Store e Google Play.