A Xustiza dá a razón á Mesa pola Normalización Lingüística e anula a sanción de 600 euros imposta ao veciño de Rianxo

A resolución desacredita a Subdelegación do Goberno, ao considerar que non está probado que o acusado alterara o funcionamento do centro de saúde, pero imponlle unha sanción de 160 euros por unha suposta “falta de respeito aos axentes da Policía Local”, tipificando como infracción uns feitos que non foran sancionados no procedemento administrativo e vulnerando, así, o dereito á tutela xudicial efectiva

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2024.- A sentenza emitida polo xulgado do contencioso administrativo de Santiago de Compostela a respecto dos feitos acontecidos en 2021, cando un veciño de Rianxo exixiu ser atendido en galego nun cribado da Covid19, dá a razón á Mesa pola Normalización Lingüística e anula a sanción de 600 euros imposta no seu momento pola Subdelegación do Goberno e recorrida posteriormente pola entidade en defensa da nosa lingua.
O xulgado considera que non está probado que o cidadán alterara o funcionamento do centro de saúde e deixa, polo tanto, sen efecto a sanción de 600 euros inicialmente imposta pola Subdelegación do Goberno, en aplicación da coñecida como Lei Mordaza. Porén, sanciónao por uns feitos distintos, impoñéndolle unha multa de 160 euros por unha infracción de “falta de respeito aos axentes da Policía Local de Rianxo”, feitos que non encaixan na tipicidade pola que a Subdelegación incoou o procedemento sancionador, conculcando así principios básicos do ius puniendi que inspiran o dereito administrativo sancionador, como son o principio de tipicidade e o de congruencia do pronunciamento.
A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia, unha vez máis, os “defectos e contradicións” presentes ao longo de todo o procedemento sancionador deste cidadán. O presidente da entidade, Marcos Maceira, insiste no efecto “amedrentador” que pode supoñer para calquera persoa que manifeste intención de exercer os seus dereitos lingüísticos a loita deste cidadán contra a administración sanitaria, a policía local, a Delegación do Goberno e, agora, a administración da xustiza.
“Perante esta tentativa da policía de Rianxo e da delegación do goberno español de amedrentar a cidadanía que, amparada pola lexislación, solicite ser atendida en galego”, Maceira recorda que “A Mesa non dubidará en acudir ás instancias que foren precisas para garantir o dereito ao uso do galego“. Neste sentido, a entidade solicitou unha aclaración da resolución ao xulgado e anuncia que, unha vez se resolva esta petición, solicitará o amparo do Tribunal Constitucional para reparar os dereitos do cidadán.
A Mesa recorda que calquera cidadán ou cidadá que vexa vulnerados os seus dereitos lingüísticos pode solicitar axuda a través da Liña do Galego e insiste en que se puxeron en contacto coa Delegación do Goberno en Galiza, para pedir unha xuntanza co responsábel e para exixir formación en materia de dereitos lingüísticos para as forzas e corpos de seguridade do Estado, co obxectivo de que esta situación non se volva repetir.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra