A Mesa pola Normalización Lingüística

ABERTOS AO GALEGO.- Nova incorporación ao proxecto: Acouga Quiromasaxe

Foto do perfilHoxe presentámosvos unha nova incorporación a Abertos ao Galego: Acouga Quiromasaxe. Atopamos a Javier, o responsábel de Acouga, dúas rúas por detrás do Concello, nunha das zonas máis tranquilas da cidade da Coruña, a rúa da Nosa Señora do Rosario. Alí Javier trata todo tipo de doenzas musculares como contracturas, distensións, fatiga, sobrecargas, lumbalxias e lumbagos, dores de cabeza e pescozo, problemas de espalda, doenzas articulares e tamén problemas relacionados co estrés, edemas ou retención de líquidos . Nas sesións de masaxe de Acouga aplícanse técnicas de quiromasaxe, osteopatía, drenaxe linfática manual, shiatsu, moxisbustión e refloxoloxía podal, entre outras.

 

Acouga existe desde 2009, pois Javier, despois de formarse durante máis de 5 anos, en diferentes especialidades en terapias manuais decidiu pór en marcha o seu propio negocio. Podedes atopar máis información sobre Acouga aquí: http://www.facebook.com/acouga, pois Javier é moi consciente das posibilidades das redes sociais e de cando en cando oferta aos seus seguidores en Facebook descontos ou pacotes especiais. Na súa páxina, ademais de atopar información de contacto para poder pedir información ou marcar unha cita, podedes ler os consellos sobre saúde que de cando en cando deixa Javier.

 

A respecto da lingua, Javier cóntanos que cando decidiu crear Acouga tivo claro que o galego era a súa carta de presentación. Ademais do nome, toda a publicidade e comunicacións públicas que fai Acouga están en galego e Javier considera que para el é un xeito de distinguirse de outros servizos semellantes aos que el oferta. Entende que proxectos como Abertos ao Galego son necesarios como ferramenta de apoio á lingua galega, ademais de servir para a reflexión dos consumidores sobre o galego como un máis dos factores de escolla dun servizo ou outro. 

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra