Viveiro de plantas e árbores de todo tipo en Sillobre (Fene)
Viveiros Moreira (http://www.viveirosmoreiraweb.es/version-galego.html) é unha empresa familiar que existe desde 1974. Están no concello de Fene, na parroquia de Sillobre, perto da canteira de Reboredo.
Son produtores de árbores para xardinería, froiteiras e forestal, camelias (comercializan máis de 500 variedades), etc. Teñen exposición ao público, mais a maior parte das súas vendas son a través da distribución que teñen organizada por toda Galiza, ademais de España e Portugal. Tamén son os distribuidores de fitosanitarios Bayercropsciense para o norte da provinvia da Coruña, que distribúen en comercios, cooperativas e grandes explotacións.
Ademais, dispoñen de outros servizos:
- Mantemento, planificación e realización do xardín. Dispoñen dun equipo especializado na xardinería, o que lles permite realizar case calquera traballo relacionado co mantemento, realización e planificación do xardín (deseño, asesoramento, podas, cortas, instalación de céspede, instalacións de rego de diferentes sistemas, instalación de estanques, tratamentos fitosanitarios, etc);
- Decoración vexetal de eventos, asesoramento e alugueiro de plantas. Para vodas, presentacións e actos públicos e privados de calquera tipo;
- Transporte;
- Plantación.
Por outra banda, son especialistas en camelias. Teñen máis de 1.000 variedades en colección e producen unhas 500 variedades anuais para coleccionistas e profesionais. Levan máis de 30 anos xuntando, clasificando, procurando e importando a importante colección varietal da que agora dispoñen.
A respecto do galego, para os responsábeis de Viveiros Moreira é unha elección natural para o funcionamento da empresa, mesmo tendo en conta que unha grande parte do seu traballo é fóra de Galiza, pois é a lingua na que se comunican habitualmente.