A máis recente incorporación a Abertos ao Galego é Tórculo, unha empresa de comunicación gráfica de Santiago de Compostela, con máis de 29 anos de historia. Tórculo é unha empresa ben coñecida en Galicia, pois ademais de ter unha gama moi ampla de servizos para empresas, teñen tamén tres puntos de venta nas tres cidades galegas de Santiago, Vigo e A Coruña.
Os servizos de Tórculo inclúen imprenta, impresión dixital, cartelaría ou produtos multimedia, e ademais da historia que leva detrás esta empresa de comunicación gráfica, nos últimos anos teñen destacado pola súa aposta pola innovación e pola entrada e novos sectores neste ámbito.
Nos últimos tempos, Tórculo está a traballar na súa expansión internacional. De feito, a súa delegación en Francia cumpriu un ano apenas hai uns días. O seu obxectivo é ampliar o seu ámbito de traballo con este novo proxecto, a través do que queren tamén abrir novas vías de colaboración con outras empresas e entidades.
Un dos proxectos dos que participa Tórculo é MeuBook (www.meubook.com), en cuxa posta en funcionamento colaboraron en 2010. MeuBook é unha plataforma para a publicación de libros e todo tipo de proxectos editoriais en liña. O obxectivo de MeuBook é ser unha ferramenta para a compilación, o intercambio de contidos, e a dinamización cultural.
Trátase dun servizo útil para usuarios particulares ou profesionais, pois ademais de ser moi sinxelo de utilizar permite niveis moi diferentes de personalización para cada proxecto. Para os usuarios particulares algunhas das opcións que permite son libros de fotografías, libros autoeditados ou contos personalizados. Mais tamén, pensando en usos máis profesionais, é posíbel contratar servizos como a xestión do Depósito Legal ou do ISBN.
Xunto co aloxamento web para clientes e unha libraría virtual cun importante motor de busca, Meubook ofrece servizos de consulta e descarga de arquivos, libro electrónico, personalización de publicacións, xestión de ventas, etc.
As tres universidades galegas son usuarias desta plataforma, onde teñen dispoñíbel un amplo catálogo á venda. Outros usuarios de MeuBook son a Editorial Alvarellos ou a libraría Couceiro.
A xeito de promoción, MeuBook ten en marcha varios pacotes con varios servizos incluídos, que definen como “experiencias literarias enlatadas”. Por exemplo, o pacote “Publica o teu libro” fornece as ferramentas e facilita os trámites para a publicación dun libro. O pacote “Grandes momentos” permite realizar un libro de fotos con texto personalizado, mentres que o “pacote Mini experiencias” está pensado para os pequenos da casa, que poden converterse nos protagonistas do seu propio conto e ser compañeiros das aventuras dos Bolechas ou de Lolo.
A relación de Tórculo co galego vese claramente en toda a imaxe gráfica da propia empresa, pois a maior parte da súa publicidade, rotulaxe e comunicación se fai na nosa lingua desde os seus inicios. De feito, Tórculo recibiu en 2008 o premio Manuel Beiras, outorgado polo Concello de Santiago de Compostela e a Cámara de Comercio desta cidade.