Agresión lingüística en Lugo: “Yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”

Dúas funcionarias da Delegación da Xunta en Lugo discriminan unha cidadá galegofalante

O 26 de febreiro unha cidadá dirixiuse a unha funcionaria do Servizo de Deportes da Xunta en Lugo para procurar información sobre clubes deportivos. Como a funcionaria lle respondeu en castelán, a administrada solicitou poder ser atendida en galego e foi neste intre cando comezaron os problemas.

A funcionaria botando man de pseudoargumentos, respondeulle: “No me da la gana! Soy funcionaria y puedo escoger el idioma que yo quiera”. A lexislación dita que quen ten a posibilidade de escolla é a persoa usuaria do servizo e o funcionariado ten a obriga de atender no idioma oficial que se solicite. Ante esta contestación a usuaria díxolle “que estaba en Galiza e que desexaba ser atendida en galego” solicitando se podía falar con outra persoa.

Cando a usuaria se dirixiu a outra empregada pública para ver se podía ser atendida en galego, estoutra funcionaria contestoulle que “yo solo hablo castellano, no me da la gana de hablar en gallego”. A usuaria lamentou que fose así pois non quería que o galego se perdese polo que tivo que soportar un novo ataque da funcionaria: “Pues si se pierde mejor! Ni gallego ni catalán, con sólo castellano mucho mejor!”

A Mesa pola Normalización Lingüística está a tramitar queixas ante diversas institucións para denunciar este caso de agresión lingüística e discriminación dos dereitos máis elementais acontecida na Delegación da Xunta de Galiza en Lugo.

As funcionarias que lle negaron a posibilidade de ser atendida en galego, vulneraron dereitos lingüísticos elementais tales como o Estatuto de autonomía de Galiza no seu artigo 5.4. que promulga que ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua, a Lei 3/1983 de normalización lingüística no artigo 6.1. recolle que a cidadanía ten dereito ao uso do galego nas súas relacións coa administración pública.

A negativa das funcionarias de atender esta persoa nun idioma oficial contraviría tamén lexislación estatal e internacional como; artigo 13.c) da Lei 39/2015 do procedemento administrativo común das administracións públicas que estipula o dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da comunidade autónoma, o artigo 2.b) da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Estado español ratificou e que explicita que as autoridades administrativas e servizos públicos comprométense a dar a posibilidade para os falantes de linguas rexionais ou minoritarios de presentar demandas orais ou escritas nestas linguas.

Para Elsa Quintas, directora do Observatorio de Dereitos Lingüísticos, estes feitos supoñen un caso de racismo lingüístico. Desde a Mesa exíxenlle á Xunta de Galiza que condene publicamente esta discriminación lingüística e que tramite un expediente a estas dúas funcionarias.

A Lei 2/2015 do 29 de abril do emprego público de Galiza no artigo 185 recolle como faltas moi graves das/os empregadas/os públicas/os:

a) O incumprimento do deber de respecto á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galiza no exercicio da función pública.

b) Toda actuación que supoña discriminación por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, lingua, opinión, lugar de nacemento ou veciñanza, sexo ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social, así como o acoso por razón de orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual, e mais o acoso moral, sexual e por razón de sexo.

Desde a Mesa consideran que esta situación na que unha cidadá galega exerce o seu dereito a falar en galego e a propia administración da Xunta lle nega ese dereito é unha mostra da política lingüística da Xunta de Galiza de ataques e menosprezo ao galego.

Do mesmo xeito, instará á Secretaría Xeral de Política Lingüística que actúe ante a flagrante vulneración dos dereitos lingüísticos: “Non pode ser que en Galiza se pisen os dereitos dos galegos e galegas por parte da propia Xunta e esta non faga o máis mínimo”, engade Elsa Quintas.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra