Allariz acollerá o próximo 25 de febreiro a xornada Medrar en galego, organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, o Concello de Allariz, a Deputación de Ourense, o Espazo Ben Común e a Confederación de ANPAS galegas. O programa de actividades, que se presentou esta mañá en rolda de prensa, desenvolverase ao longo de todo o día e incluirá obradoiros (nos que é necesario inscribirse) para partillar experiencias de éxito e resolución de conflitos, xogos, contos e feira de empresas en galego. Magín Blanco porá o ramo cun concerto de Gatuxo que terá lugar na praza do Concello que, como o resto das actividades, será de acceso libre e gratuíto.
Durante a presentación da xornada, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, sinalou que cada vez son máis as familias que procuran conscientemente criar as súa fillas e fillos en galego. Segundo o último estudo publicado polo IGE ao respecto, a poboación de menor de 49 que fala galego aos fillos e fillas pasou do 29,43% en 2013 ao 31,83% en 2018 o que supuxo un incremento do 8,15%. Maceira salientou que “a conciencia da importancia da crianza para reverter a situación do galego aumenta, a pesar dun contexto social onde a exclusión do noso idioma permanece no sistema educativo, no lecer, na socialización, nos produtos audiovisuais e en practicamente todas as influencias externas ao entorno familiar”. “Con estas xornadas”, rematou, “queremos contribuír a mellorar as ferramentas que xa están a empregar as familias para fortalecer o uso do galego entre as crianzas mesmo en entornos adversos”.
Pola súa banda, Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, resaltou a importancia da lingua propia de Galicia e que as institucións deben conservar o galego. Pechou o acto a Alcaldesa de Allariz, agradecendo a colaboración tanto de A Mesa, como do Espazo BenComún, a asociación Anpas Galegas coma da Deputación para que a xornada Medrar en Galego saíra adiante, e se celebre en Allariz a súa primeira edición. Cristina Cid resaltaba a “necesaria implicación tanto das institucións coma dos axentes sociais que nos rodean día a día, para que o noso idioma non se perda”. “O noso deber é protexer, mimar e transmitir ás xeracións futuras o que as xeracións pasadas nos transmitiron a nós”, sinalou Cid, que pechou a presentación animando a todas as persoas a se achegaren a Allariz para participar desta xornada, Medrar en galego.
Para responder ás dificuldades expostas na presentación, a Mesa pola Normalización Lingüística, Ben Común, Confederación de ANPAS Galegas e o Concello de Allariz, propoñen para o sábado da semana do Día Internacional da Lingua Propia, un programa de actividades para familias e crianzas se reafirmaren no emprego do galego, mais tamén para debater, contrastar e partillar dúbidas, inquedanzas e as situacións que vivimos día a día, da man de tanto de especialistas como das experiencias directas de familias comprometidas co galego que nos axudarán a coñecer as diferentes etapas psicoevolutivas e os momentos críticos no uso da lingua: escolarización inicial, mudanza de ciclo educativa, novas amizades, novas inquedanzas e todas aquelas dúbidas, feblezas, contradicións e resistencias que atoparon no uso continuado da lingua nun contexto de hexemonía absoluta do español. Medrar en galego contará, tamén, cun espazo para o lecer das crianzas, para gozar das posibilidades que oferece unha vila como Allariz a través dos xogos, obradoiros, actividades e da feira na que as empresas máis responsábeis co idioma exporán o seu produto.