Arrinca a segunda fase da “Iniciativa Xabarín” para garantir a presenza do equitativa do galego na programación audiovisual do Estado español

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta a campaña Queremos galego no audiovisual que pide que se garanta a mesma porcentaxe mínima de contidos na nosa lingua que en castelán, tanto en TVE como nas plataformas dixitais como Netflix, HBO, Disney+ ou Prime Video

Compostela, 15 de xullo de 2021.- Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística e de entidades culturais e educativas presentaron esta mañá en Compostela a campaña Queremos galego no audiovisual, coa que arrinca a segunda fase da “Iniciativa Xabarín” para conseguir que se garanta unha presenza equitativa do galego no proxecto de lei xeral de comunicación audiovisual que está a se elaborado no Estado e que se presentará nos próximos meses.

A Iniciativa Xabarín, refrendada con máis de 33.000 sinaturas e co acordo unánime do Parlamento galego, exixía -ademais de aumentar a programación infantil de calidade nas canles da CRTVG- garantir o acceso a todos os contidos audiovisuais en liña con opción dobrada e lexendada, así como informacións e audiodescricións en galego. Neste sentido, ademais de promover os acordos do parlamento galego coas produtoras e distribuidoras de contidos, a Inicativa Xabarín instaba a que a Lei Xeral de Comunicación Audiovisual “recoñecese a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe, e audiodescricións nas canles e plataformas lineais ou baixo demanda”.

A Mesa pola Normalización Lingüística enviou o pasado 10 de xullo as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións solicitando o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico; o estabelecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais como Netflix, HBO, Disney+ ou Prime Video e mais no deber de financiamento antecipado a obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións, nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito (dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente incorporen as linguas oficiais; e asegurar o cumprimento do artigo 42 da Iniciativa Xabarín, que permita a reciprocidade con Portugal a través do estabelecimento de dúas canles múltiplex para Galiza.

En relación á demanda de dobraxe e lexedanxe por parte de TVE, tamén incluída na Iniciativa Xabarín, a Mesa pola Normalización dirixiuse en tres ocasións tanto á anterior directora Xeral de RTVE, Rosa Mª Mateo, como ao actual, José Manuel Pérez Tornero, para informalos do desenvolvemento da campaña da iniciativa Xabarín e para solicitar un encontro onde concretar a proposta da Mesa e do Parlamento galego, aproveitando ademais que se fan 50 anos da delegación de TVE en Galiza. Nunha actitude absolutamente descortés e de falta de respecto tanto á maior organización non gubernamental de defensa do galego como ás 33.000 persoas asinantes da iniciativa, a dirección estatal de TVE non deu nengunha resposta.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recorda que dos 25872 títulos entre series e filmes dispoñíbeis nas principais plataformas de televisión, practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada ao español e lexendado en español ou inglés pero só 25 están en versión orixinal galega e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada á nosa lingua. “Pode resistir un idioma nestas condicións?”, pregunta Maceira. “Comezamos a segunda fase da Iniciativa Xabarín para levantar de vez o bloqueo á presenza do galego no audiovisual”, indica, “como país non podemos perder esta oportunidade que, ademais, tería un beneficio directo na economía galega, nomeadamente no sector cultural”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra