A Mesa pola Normalización Lingüística

ARTIGO.- “O galego e Valentín Paz-Andrade”, por Carlos Callón

Galaxia convidou o presidente da Mesa a escribir un artigo para o blogue desta editora. O texto aborda a manipulación que se está a producir do pensamento lingüístico da figura homenaxeada no Día das Letras 2012.

“O galego e Valentín Paz-Andrade”

Presentouse a páxina oficial da figura que habemos homenaxear nas Letras de 2012. Para abraio de quen lese a súa obra, as únicas palabras de Paz-Andrade que se salientan en todo o web son estas: “O bilingüismo non é ningún mal. Pol-o contrario é progresivo, mentras o monolingüismo é regresivo… O bilingüismo, e máis se foi adquirido no cedo- predispón ao plurilingüismo, eisixido de cote na vida e as sociedades modernas”.

A cita é estraña. Calquera persoa que se achegue aos ensaios culturais de Don Valentín verá que se cuestiona que en Galiza haxa bilingüismo, un ideal de igualdade xurídica e equilibrio social para o idioma “propio” e “marxinado”. El prefire falar de “superimposición” do español sobre o galego, que non ten nada a ver coa cooficialidade subalterna da Autonomía nin cos retrocesos que hoxe promociona o poder cos rótulos “bilingüismo” ou “plurilingüismo”.

O centro das súas análises e propostas van porén, noutro camiño, o que sinala o título do artigo de onde se extractan as súas palabras: “A evolución trans-continental da lingua galaico-portuguesa”. É aí onde sempre fai énfase: Galiza pode progresar, sobre todo na economía, se acredita no seu idioma e tende pontes co sistema internacional que orixinou.

O pensamento lingüístico de Paz-Andrade é útil e aproveitábel para o presente. Coñezámolo. Divulguémolo. Non toleremos a súa falsificación.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra