Andrómenas é unha tenda de decoración, listas de voda e agasallos de empresa de Santiago de Compostela. Está ubicada no ensanche compostelano, na rúa Doutor Teixeiro, 30.
Desde 1997, en Andrómenas podemos atopar unha moi grande variedade de artigos de decoración, de deseño atractivo e moderno. A estética da tenda, de feito, é unha das cousas que máis chaman a atención sobre ela. Teñen gañado varias veces o concurso de escaparatismo que organiza dúas veces por ano o concello de Santiago de Compostela.
En Andrómenas podemos atopar tanto mobles como menaxe, alfombras ou todo tipo de complementos. Mais ademais da decoración, tamén traballan no ámbito das listas de vodas e do agasallo de empresa ou promocional.
A lingua galega está ligada á imaxe de Andrómenas, pois é a lingua que utilizan en grande parte da súa publicidade e na rotulaxe interna da tenda.
Cando Abertos ao Galego foi falar con Jose, o responsable de Andrómenas, foi unha das primeiras cousas sobre as que lle preguntamos. Explícanos que para eles a elección da lingua foi sempre unha decisión natural, pois o galego é unha lingua que ten a mesma validez que calquera outra para un negocio deste tipo.
Explícanos que utilizan indistintamente castelán ou galego, aínda que o galego é a lingua que utilizan maioritariamente na súa publicidade e no interior da tenda.
A respecto da presenza do galego no ámbito do comercio e da empresa, Jose considera que os consumidores non temos ningún problema con que o galego teña maior presenza. De feito, o galego relaciónase para moita xente cunha maior calidade e proximidade, polo que máis que nada o seu uso normal por parte das empresas pode implicar unha vantaxe.
Entende tamén que a creación de proxectos como Abertos ao Galego pode ser de grande utilidade para as empresas que o conforman, mais tamén como ferramenta para o consumidor que está demandando servizos na nosa lingua.
A páxina web de Andrómenas é www.andromenas.es