A semana pasada incorporouse a Abertos ao Galego unha nova empresa: Granxa O Cancelo, unha granxa situada no Concello de Miño que produce leite e xeados artesáns.
A Granxa O Cancelo (www.facebook.com/granxaocancelo) é un dos proxectos da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP Coruña, www.capcoruna.com). O proxecto retoma en 2009 unha granxa abandonada en Bemantes, Miño, co obxectivo de traballar a prol do sector lácteo, producindo leite de calidade e conectando a produtoras e produtores coas consumidoras e consumidores do xeito máis directo posíbel.
Esta semana, Abertos ao Galego estivo de visita na Granxa O Cancelo para coñecer a súa forma de traballar e os seus produtos. Ademais de mostrarnos as súas instalacións, explicáronnos que utilizan técnicas de produción que permiten obter os mellores rendementos garantindo un uso responsábel e sostíbel dos recursos, o benestar das vacas e as boas condicións de traballo para as persoas.
A Granxa está situada no Cancelo, no concello de Miño. Teñen 95 vacas, que son alimentadas con forraxes producidos principalmente nas terras que rodean a granxa, complementados con cereais que mercan en empresas galegas. Despois de muxir, o leite é pasteurizado e almacenado en recipientes especiais. Unha parte do leite véndena á industria, mais reservan unha parte para a venda directa.
O leite que comercializan directamente distribúese por transporte refrixerado ás máquinas expendedoras que teñen en distintas vilas da comarca, mais tamén o levan embotellado a cafetarías, restaurantes e pequenas tendas.
Ademais do leite, desde 2011 a Granxa O Cancelo elabora tamén os seus xeados artesáns. O ingrediente principal destes xeados é o leite recén muxido na propia granxa, ao que engaden ingredientes de produtores maioritariamente galegos. Algúns dos seus sabores son o de amorodos, o de turrón, o de chocolate ou o de licor café. Para elaborar os xeados contan con licor café de Adegas Coto de Gomariz, kiwis de Kiwi Atlántico, castañas de Caurelor ou froitas de Gueixade.
Os produtos que vende a Granxa O Cancelo están etiquetados integramente en galego, ademais de que é a lingua na que se desenvolven as relacións laborais e toda a documentación interna e externa da empresa. A elección da lingua, segundo nos comentaron Pura e Bri, foi unha cuestión obvia, pois o galego é a lingua habitual neste sector, ademais da lingua da maior parte dos traballadores e traballadoras da Granxa.
Deixámosvos os puntos de venda do leite fresco: http://capcoruna.com/leite/ e dos xeados artesáns http://capcoruna.com/xeados/ e recomendámosvos que os probedes!