As novidades das empresas de Abertos ao Galego

Ademais do noso catálogo de Nadal, con propostas de agasallo das empresas de Abertos ao Galego, presentamos as últimas novidades que nos remiten as empresas colaboradoras, con moitas actividades e novidades (OZOCOgz, Galileo Nenos, Livraria Suévia, Julio Peinó-Arquitectura e Urbanismo, Libraría Aira das Letras, Ela Diz, Patasdepeixe, Baía Edicións, Edicións Xerais, Vide, Vide! e Libraría Pedreira)

-Podedes consultar o catálogo de Nadal 2013 de Abertos ao Galego, con propostas de moitas das empresas membro do noso proxecto: http://www.amesanl.org/gl/novas/amosar/id/596

– Os amigos de OZOCOgz lanzan unha nova camisola do libro A nena á que non deixaban ser feliz, de Miguel Ángel Alonso Diz e ilustrado por Luz Beloso. Podedes mercalo nas librarías colaboradoras e a través de internet no Facebook de OZOCOgz ou por correo electrónico en ozocogz@gmail.com. O prezo de venda en librarías do libro xunto coa camisola é de 31€, mais mercándoo en internet directamente o prezo é de 30€;

Galileo Nenos presentou recentemente o primeiro xoguete do Xabarín Club, a súa novidade para este Nadal;

– A Livraria Suévia acolle hoxe 20 de decembro a presentación da Historia de Galicia de Anselmo López Carreira, editada por Edicións Xerais. Será ás 20.00 na libraría (Vila de Negreira, A Coruña);

– Julio Peinó-Arquitectura e Urbanismo incorpóranse ao catálogo de descontos das empresas de Abertos ao Galego ofertando un 20% e un 25% a empresas de Abertos e particulares da Mesa. Ademais, informan de que están a traballar no ámbito das certificacións enerxéticas de vivendas que o precisen para a súa venda, alugueiro ou publicidade da mesma, que tamén está incluído no desconto;

– A Libraría Aira das Letras informa do gañador do seu concurso de micro-relatos, que foi o relato Memoria. Podedes lelo aquí: http://airadasletras.com/central/110515wp/2013/09/memoria/

– Ela Diz participa nunha iniciativa dos comercios e bares da Rúa Nova, que queren promover o comercio e hostelaría tradicional. Nesta ocasión, para mañá sábado 21 organizan concertos na rúa con Trópico de Grelos pola mañá e pola tarde. Tamén, os establecementos de hostalería repartirán chocolate con churros de balde ás persoas que visiten a Rúa Nova para tomalo na rúa;

– Desde Patasdepeixe fannos chegar a súa nova publicación: O Grúfalo

– Baía Edicións presenta as súas últimas novidades editoriais: da colección infantil e xuvenil, Dinosauros, de Roc Olivé, Sementes de papel, de Bea e Silvia Gil, a Colección Fabulando, de Mon Daporta, A Terra acatarrouse, de Roxane Marie Galliez e As dúas casas de Alicia, de Cristelle Vallat e con ilustracións de Martina Peluso, adaptado ao galego por Marica Campo; da colección de Gastronomía, Cogomelos. A cociña do bosque, de Mariona Quadrado con fotografía de Josep Borrell; 

– Edicións Xerais informa das súas últimas novidades en edición dixital: na colección Fóra de Xogo, A cabeza de Medusa e A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre, Corredores de sombra Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz e Pel de lobo, de Xosé Miranda; na colección de narrativa Ten o seu punto a fresca rosa, de María Xosé Queizán, O bosque das Antas, de F.X. Fernández Naval, Cemiterio de elefantes, de Fran Alonso; da Colección Merlín, O castañeiro de abril, de Antonio Fraga;

– En Vide, Vide! presentan a súa nova tenda en liña, que está operativa desde hai uns días: www.videvide.net. Ademais, fálannos dun agasallo que promoven xunto con Sermos Galiza, Brinde con Rosalía, que é un viño escumoso galego rosado que se vende conxuntamente co CD Os ollos que falan. 

 Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55, Santiago de Compostela). Hoxe venres 20 de decembro teñen programa dobre de presentacións. Ás 19.00 presentan o libro Alborada coa participación de Irene Silva, Centro Cultural A Merced de Chaín e Rosalías Eléctricas. Ás 19.30 comezará a presentación do Cancioneiro Tradicional coa participación de O Son da Triga e As Cantareiras de Chaín.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra