Ademais da incorporación de cinco medios de comunicación e da Livraria Suévia, esta semana temos novidades de Cafécongotas – Comunicación Visual, Aira das Letras, Pizzbur, Tórculo, Amarante, Pegadas e Edicións Xerais
– nova incorporación a Abertos ao Galego: a Livraria Suévia, no cidade da Coruña. Suévia está especializada en libro galego e portugués, mais teñen moito máis. Máis adiante contarémosvos máis sobre esta libraría, mais polo momento informamos de que este sábado 12 de xaneiro ás 13.00 organizan a presentación do libro de Séchu Sende Viagem ao Curdistám para apanhar estrelas. A Livraria Suévia está na Rúa Vila de Negreira, 32
– tamén esta semana damos a benvida a cinco medios de comunicación na nosa lingua, que entran en Abertos ao Galego: Galicia Confidencial, Praza Pública, Sermos Galiza, De Luns a Venres e Radiofusión.
– Cafécongotas – Comunicación Visual incorpórase ao catálogo de descontos de Abertos ao Galego aos socios e socias da Mesa pola Normalización Lingüística, cun desconto dun 10% no orzamento inicial.
– a libraría Aira das Letras informa de que as persoas que participen con comentarios no seu blogue nos meses de xaneiro e febreiro entrarán no sorteo do cómic Titoán, gañador do premio Castelao de Banda Deseñada en 2011.
– As Tixolas, da cadea Pizzbur acaba de inaugurar o seu facebook (https://www.facebook.com/AsTixolas) e para celebralo ofertan un 10% de desconto nos seus locais As Tixolas a quen leve impreso o vale que se pode atopar no seu Facebook. Ademais, inclúe un convite para un cocktail gratis en La Dékada.
– Tórculo acaba de lanzar un novo produto: os vinilos decorativos. Teñen activa unha oferta de lanzamento de 19,90€
– Amarante co-organiza un encontro sobre a Auditoría Cidadá da Débeda. Será o sábado 19 de xaneiro en Santiago de Compostela de 10.30 a 14.00 no 1º andar do Centro Sociocultural de Fontiñas.
– Pegadas informa dos seus descontos de ano novo: 15% de desconto en textil publicitario; 25% en artigo publicitario; 20% en rotulación, comunicación visual, impresión dixital; 15% en papelaría 15%. Estes descontos son válidos até o 28 de febreiro.
– Edicións Xerais dá conta das súas novidades para os próximos meses:
– O 15 de xaneiro chegará ás librarías O gardián invisible, a agardada novela de Dolores Redondo Meira, escritora vasca de ascendencia galega. A novela de Redondo será publicada de forma case simultánea en trece linguas: francés, alemán, inglés, turco, castelán, italiano, catalán, portugués do Brasil, noruegués, holandés, euskera, grego e galego.
– Na semana do 21 de xaneiro chegará ás librarías Costa do Solpor, a primeira novela de Xosé Mª Lema, veterano lexicógrafo e doutor en Historia da Arte. Finalista do Premio Xerais 2011, Costa do Solpor é unha novela clásica de aventuras de mar e de terra, ambientada na Galicia de mediados do século XVIII.
– Tamén na terceira semana de xaneiro, tras máis dun ano de edición, aparecerá Amada liberdade, as memorias do tradutor, escritor e intelectual Fernando Pérez-Barreiro Nolla epilogadas pola súa compañeira Teresa Barro. Cunha prosa áxil e profunda, o autor desenrola o nobelo da súa vida partindo dos anos da infancia en Ferrol e Viveiro para enlazar coas experiencias en Santiago de Compostela, Madrid, A Coruña e finalmente en Londres, onde desenvolveu a súa vida profesional como redactor e locutor da BBC.
– Na semana do 15 de xaneiro chegarán ás librarías as primeiras novidades da colección Fóra de Xogo as novelas Nubes de evolución de Andrea Maceiras e O Códice do Santo Lugar de Pere Tobaruela.
– Xa na derradeira semana de mes publicaranse dous títulos da colección infantil Sopa de Libros: O capitán Aspanitas e o misterio das Burgas de Ramón Caride e Jaime Asensi e Cidades de Fran Alonso.
– No eido da edición en e-book, a fins do mes de xaneiro tres novos títulos engadiranse a actual oferta en formato kindle para Amazon: Os fillos do mar de Pedro Feijoo, Asasinato no Consello nacional de Diego Ameixeiras e Ninguén de Fran Alonso.
– Tamén ao longo do mes de xaneiro, distribuirase por centros escolares e bibliotecas o calendario Xerais 2013 dedicado a conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.
– Neste días Xerais convoca a 30ª edición Premio Xerais de Novela dotado con 15.000 euros e a 28ª edición Premio Merlín de Literatura Infantil dotado con 10.000 euros. Na web de Xerais están xa publicadas as bases dos dous premios.
– Logo de algo máis dun mes nas librerías e aínda cun par de recensións críticas publicadas, Todo OK, a nova novela de Diego Ameixeiras, esgota a súa primeira edición e reedítase, seguindo os pasos do éxito que tivo Asasinato no Consello Nacional (2010).