As novidades desta semana das empresas de Abertos ao Galego

Esta semana incorporamos a Biblos Clube de Lectores; entrega do premio do concurso de micro-relatos de OZOCOgz; Aira das Letras comeza a súa campaña de libros de texto e prepara o seu terceiro aniversario; novidades de Baía e Xerais; oradoiros da Cova da Terra

Biblos, o Clube de Lectores en galego entra en Abertos ao Galego. Este clube de lectores, que fixo este ano o seu décimo aniversario, edita unha revista cada dous meses coas principais novidades da literatura galega;

 

OZOCOgz entrega este domingo 23 en Allariz o premio ao seu primeiro Concurso de Micro-relatos. O acto vaise celebrar ás 12 na Fundación Vicente Risco;

 

– a libraría Aira das Letras de Allariz comeza a súa campaña de libros de texto. Xa podedes reservar os libros (tanto para centros de Allariz como para calquera outro). Ademais, están a preparar unha festa para celebrar o seu terceiro aniversario. Será o día 12 de xullo;

 

Baía Edicións está a preparar dous novos títulos, que en breve estarán nas librarías. Trátase de Faditafosca, de Miguel Vázquez Freire e o ilustrador Xosé Tomás (na colección Mar de Letras) e Un mosquito de nome Henri, de Raúl Dans e o ilustrador Jacobo Fernández, obra gañadora do X Premio Barriga Verde (na colección Barriga Verde) e editada en coedición con AGADIC. Ademais, continúan co seu calendario de presentación das obras O Carballo de Carlos Silvar (coa intervención do autor, de Miguel Ángel Fernández Martínez e Belén López Vázquez, directora editorial de Baía) e Resina de poliéster, de Correa Corredoira (con intervención do autor, de Francisco Fernández Naval “Chisco” e Belén López Vázquez), as dúas o 1 de xullo na Feira do Libro de Vigo (a primeira ás 18.45 e a segunda ás 21.00);

 

Edicións Xerais informa das súas máis recentes novidades editoriais: O anxo de Eva, de Marina Mayoral e Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga (da colección de narrativa);

 

A Cova da Terra organiza, en colaboración con Panxea, Sodepaz e Taller de Solidariedade, os obradoiros De aquí, xusto e ecolóxico. O rural como motor de cambio. O obxectivo é achegar as diferentes oportunidades laborais que ofrece o noso rural partindo de conceptos clave como a agroecoloxía, a sustentabilidade económica, social e medioambiental, a cooperación e a soberanía alimentaria. Trátase dun total de 9 obradoiros de sensibilización e formación en diferentes concellos das catro provincias galegas a través dos que achegar á mocidade as oportunidades éticas e socialmente responsables de emprendemento económico que ofrece o noso rural. O primeiro dos obradoiros terá lugar en Vilalba os días 27 e 28 de xuño de 16.00 a 21.00. As inscricións fanse en formacioncova@outlook.com indicando nome, apelidos, idade, telefone, enderezo, nivel de estudos e profesión. Como o obradoiro é de balde, as prazas outórganse por orde de inscrición.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra