As organizacións políticas comprométense a abriren unha nova etapa para a normalización do galego

Todas as organizacións políticas de ámbito galego, agás o PP, asinarán o 15 de xullo unha Declaración de unidade a prol da normalización da lingua galega, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística

O acto de apoio á declaración, que contará coa participación dos partidos representados polas súas respectivas portavocías, terá lugar o 15 de xullo, 130 aniversario do pasamento de Rosalía de Castro, no monumento á escritora na Alameda de Santiago de Compostela.

Santiago de Compostela. 9/07/2015-. As organizacións políticas galegas mostrarán a súa unidade e compromiso común na defensa e promoción da lingua galega a través dunha declaración conxunta “de unidade a prol da normalización da lingua galega” na que expresarán a vontade de repor e rehabilitar o idioma propio de Galiza en todas as áreas e institucións onde teñen representación, co acordo firme de o reactivar e promover coas accións e medidas que foren precisas, partindo de acordos comúns como a Lei de Normalización Lingüísitica ou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Alternativa dos  Veciños, Anova-IN, Bloque Nacionalista Galego, Cerna, Coalición Galega, Compromiso por Galicia, Converxencia XXI, Esquerda Unida, Partido dos Socialista de Galicia-PSOE, Podemos Galiza e Terra Galega son as organizacións políticas que xa teñen confirmada a súa adhesión á Declaración promovida desde A Mesa pola Normalización Lingüística.

Esta mostra de acordo e unidade concretada nunha declaración conxunta farase pública nun acto que terá lugar a cuarta feira (mércores) 15 de xullo, ás 12h no monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago, coincidindo co 130 aniversario do seu falecemento.

O acto, no que se dará lectura á Declaración de unidade a prol da normalización, será presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa actuación musical de Guadi Galego e Guillerme Fernández. Intervirán tamén, ademais do presidente da Mesa Marcos Maceira, as respectivas portavocías ou secretarías xerais das organizacións políticas asinantes.

Da Mesa pola Normalización sinalan que ademais están convidadas a asistiren as principais institucións, colectivos e entidades de Galiza, “as que traballan todos os días para repor e colocar a lingua nos ámbitos nos que actúan e que representan esa sociedade que traballou en solitario, sen apoio do actual Goberno, a favor da lingua e que debe ser protagonista do proceso de recuperación do noso idioma respaldado por unha nova política lingüística”.

Neste sentido, indican, “a unidade das forzas políticas nuns mínimos a partir dos que construír avances e a visibilización deses acordos é fundamental se queremos reverter o proceso de minorización que sofre o galego”. “É fundamental para a o noso idioma, para o conxunto do país, o acordo en aspectos básicos como este, e por iso consideramos que o 15 de xullo será un punto de inflexión que demostrará non só a unanimidade que desperta a lingua no conxunto do pobo galego, senón tamén a vontade por construír un marco onde se poida utilizar con total e abosluta normalidade”. Os promotores sinalan que este será un acto histórico que abrirá a porta a unha nova e ilusionante etapa para a política lingüística en Galiza.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra