A aseguradora Génesis négase a considerar oficial o galego

A empresa négase a facilitar a documentación en galego, actitude habitual destas empresas en Galiza

A Mesa rexistra hoxe unha denuncia contra a aseguradora Génesis por negarse a facilitarlle a póliza do cliente en lingua galega, contrariando o que a lexislación vixente estipula. Esta denuncia foi realizada grazas á Liña do Galego, servizo gratuíto para consultas, queixas e parabéns relacionadas cos dereitos lingüísticos.

O afectado solicitou expresamente o contrato da póliza en lingua galega, tal e como se especifica nas cláusulas. Porén, desde a compañía alegaron que o deben enviar en español por teren clientela estranxeira. Desde a aseguradora ofrecéronlle a posibilidade de enviar a póliza en inglés mais non en galego como o cliente solicitou. Asemade, o persoal da aseguradora notificou que de non poder realizar a solicitude do interesado, procederían a eliminar esa cláusula dos contratos.

Desde a entidade en defensa do galego, denunciamos este proceder claramente ilegal e sistemático, que as compañías de seguros realizan de maneira xeneralizada. Para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “este é un exemplo máis de como existen leis que poden infrinxirse sen que pase nada”.

Maceira apuntou que “as aseguradoras ben que revisan todas as condicións cando temos que facer uso dos seguros mais elas mesmas vulneran a lexislación e as súas propias cláusulas cando lles convén”.

Desde a Mesa contactaremos con Génesis para pedir explicacións e lembrarémoslle a súa obriga de cumprir co artigo 8 da Lei 50/1980, de contrato de seguro que especifica: “a póliza do contrato deberá redactarse, a elección do tomador do seguro, en calquera das linguas españolas oficiais no lugar onde aquela se formalice. Se o tomador o solicita, deberá redactarse noutra lingua distinta, de conformidade coa Directiva 92/96, do Consello da Unión Europea, de 10 de novembro de 1992.”

Do mesmo xeito, instaremos á Secretaría Xeral de Política Lingüística que actúe ante a flagrante vulneración dos dereitos básicos dun asegurado. “Non pode ser que en Galiza se pisen os dereitos dos galegos e galegas, se trate á lingua propia como un dialecto e a Xunta non faga o máis mínimo” engadiu Maceira.

Finalmente, “esta situación evidencia que a ILP que promovemos desde a Mesa para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico, é máis necesaria que nunca” concluíu Maceira.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra