A Mesa pola Normalización Lingüística

Carlos Callón, absolto, reclama a incorporación do galego á Administración de Xustiza

Carlos Callón foi absolto do cargo de inxurias contra o ex xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, quen reclamaba unha indemnización de 15.000 euros polo feito de que o presidente da Mesa lle lembrase a súa obriga de cumprir a Lei de normalización lingüística.

Na sentenza (que podes consultar aquí), ademais de absolver o portavoz da Mesa, tamén se recorda toda a lexislación que recoñece A Coruña como o único topónimo oficial.

Así e todo, Carlos Callón lamentou a situación de “discriminación continuada” en que se encontra o galego na Administración de Xustiza. Criticou que o programa informático que distribúe a Xunta nos xulgados “impide usar o galego” e puxo como exemplo desta desconsideración dos dereitos lingüísticos o feito de que, a pesar de que solicitou unha e outra vez recibir información no seu idioma, “a sentenza non me foi notificada en galego”.

O presidente da Mesa pediu ao ex xuíz decano que finalice xa coa súa “caza de bruxas contra os que defendemos o galego” e que “cumpra e faga cumprir a Lei de normalización lingüística, como é a súa obriga”.

Recibe todas as noticias da Mesa no teu correo electrónico

Subscrición á ReMesa

Carriño da compra